Acto institucional, concertos e festival de habaneras para pechar o ciclo Xullo, mes da Patria
10-07-2025

Gisela Sanmartín, directora do grupo Xirifeiras (Airiños de Fene)
A fenesa Gisela Sanmartín Novo, directora do grupo de cantareiras Xirifeiras de Airiños de Fene e presidenta da Asociación de Tocadoras Galegas Somos Pandeireteiras é a autora e será a encargada de ler esta tarde a declaración institucional do Concello de Fene polo Día da Patria Galega. O acto, presidido pola alcaldesa, Sandra Permuy, comezará ás 20 horas no Parque Liñal do Río Cádavo, a carón do monumento 25 de xullo. Tamén participará o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e no acompañamento musical, unha representación do grupo Xirifeiras. Tamén este xoves, a partir das 21 horas, a actividade do ciclo “Xullo, mes da Patria” trasládase á praza do alcalde Ramón J. Souto González cos concertos de Ulex e De Ninghures. E mañá venres, no mesmo espazo, concluirá o ciclo co Festival de habaneras e canto coral.
Coincidindo coa adicatoria do Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificada nas cantareiras e pandereteiras, o Goberno Municipal de Fene convidou este ano a Gisela Sanmartín a elaborar a declaración institucional, sumándose a unha longa lista de persoas de recoñecida traxectoria cultural e veciñal que desde hai máis de 20 anos “nos agasallan coas súas verbas nesta conmemoración”. A cantareira e directora do grupo Xirifeiras participará no acto institucional previsto para as oito do serán, diante do monumento 25 de xullo, no Parque Liñal do Río Cádavo.
A continuación, ás 21 horas, celebraranse na Praza do alcalde Ramón J. Souto González os concertos de Ulex e De Ninghures.
Ulex nace en Compostela en setembro de 2022 e xorde do amor pola música e as ganas de tocar de catro adolescentes Xian Castro (voz principal e guitarra rítimca), Mónica Fuentes (baixo), Tomás Sánchez (guitarra solista e coros) e Martinho Quintela (batería e voz principal). Con influencias de bandas galegas como Ataque Escampe, Familia Caamagno, Grande Amore, The Rapans ou O Sonoro Maxín esta banda, chamada coma o nome científico do toxo, fai rock atolondrado – como din eles – con aires cumbieiros. A banda sonora perfecta para a vida da mocidade galega. En 2025 publican o seu primeiro disco, Lonxe de ti, que presentarán esta noite en Fene.
Pola súa banda, De Ninghures é unha das bandas referentes da potente e rica escena do folk galego actual. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois (coma o exitoso Morena) presentan traballo e espectáculo novo, titulado Feira.
FESTIVAL DE HABANERAS
O ciclo Xullo, mes da Patria do Concello de Fene concluirá este venres 11 de xullo, ás 20.30 horas, co tradicional Festival de habaneras e canto coral no que as protagonistas serán as corais e rondallas do concello: a Rondalla Estrelecer (CMI), o Tradicoro (Airiños de Fene), a Coral Polifónica O Pote de Maniños e a Coral Agarimo de Sillobre. A cita será, novamente, na Praza do alcalde Ramón J. Souto Gonzalez.