Haberá dúas quendas, unha para mulleres maiores de idade e outra para rapazas de 13 a 17 anos
O vindeiro martes abre o prazo de inscrición para os Obradoiros de Defensa Persoal, Autoconfianza e Apoderamento que organiza o Concello de Fene
As inscricións realizaranse do 1 ao 10 de outubro nos Servizos Sociais municipais
27-09-2024
O Servizo Municipal de Atención á Muller, dependente da Concellería de Benestar Social de Igualdade anuncia dous novos obradoiros de “Defensa Persoal. Autoconfianza e Apoderamento”, dirixidos por unha banda a mulleres maiores de 18 anos e pola outra a rapazas de 13 e 17 anos. Ámbolos dous terán unha duración de 9 meses, desde outubro de 2024 ata xuño de 2025 con sesións de hora e media da duración os martes e xoves. E neles, traballarase con prácticas e adestramento en autodefensa, cun monitor especializado en artes marciais.
O Obradoiro de Defensa Persoal, Autoconfianza e Apoderamento para mulleres ADULTAS comezará o 15 de outubro de 2024 e finalizará o 19 de xuño de 2025. As sesións -os martes e xoves, de 9.30 a 11.00 horas- desenvolveranse no ximnasio da Casa da Cultura. Nesas mesmas datas no mesmo espazo, o ximnasio da Casa da Cultura, farase o obradoiro dirixido a RAPAZADA DE 13 A 17 ANOS. Ainda que, neste caso, as clases serán en horario de tarde, os martes e xoves, de 19 a 20.30 horas.
As inscricións son de balde e realizaranse no Centro Municipal de Servizos Sociais, sito en Avda do Mar, bloque 1, baixo, San Valentín, ben persoalmente ou ben a través da caixa electrónica: servizos.sociais@fene.gal, entregando a folla de inscrición debidamente cumprimentada. Námbolos dous casos, terán prioridade as mulleres residentes no concello de Fene e a matrícula realizarase por rigorosa orde de inscrición.
Máis información nos teléfonos 981 342 607 e 981 492 706.
Actividades cofinanciadas pola Concellería de Benestar Social e Igualdade e o Pacto de Estado para a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.