Muller e Igualdade

Servizo Municipal de Atención á Muller

Asesoramento Xurídico: os martes de 10.00 a 13.00 horas, previa cita.

O Concello de Fene subscribe convenio coa F.E.M.P. e o I.M.S.E.R.S.O. no mes de agosto de 2005 para poder ofrecer o Servizo de Teleasistencia Móbil a Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (TAM-VG), de xeito totalmente gratuíto.

Comezan atenderse mulleres que solicitan o Servizo de Teleasistencia Móbil ou que veñen demandando axuda ante situacións de violencia de xénero, tanto física como psicolóxica. Tamén mulleres que, polas súas circunstancias, veñen buscando apoio psicolóxico, asesoramento xurídico antes situacións familiares, persoais...

Ante esta circunstancia, se decide crear o SERVIZO MUNICIPAL DE ATENCIÓN Á MULLER, que non é un C.I.M. pero que desenvolve moitas das funcións propias del. O obxecto da creación deste Servizo non é outro que o de dar forma e estrutura ao traballo coas mulleres que xa viña realizando o persoal de Servizos Sociais dende hai anos.

E é así como se crea oficialmente no mes de marzo de 2006 este novo Servizo Municipal de Atención á Muller.

A persoa responsábel do Servizo Municipal de Atención da Muller é a Psicóloga de Servizos Sociais. Atende as demandas sen cita previa, dando prioridade aos casos de violencia de xénero. Dependendo da situación ou problemática presentada, é quen fai a derivación ao resto do persoal que conforma o Servizo: T. Social, Avogada...; a outros recursos da zona non municipais: Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) da Universidade da Coruña, Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres que Sofren Violencia de Xénero (PAPMVX) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, ...; ou xestiona e aplica directamente o recurso máis axeitado: Teleasistencia Móbil Para Vítimas de Violencia de Xénero, Atención Psicolóxica...

Agás do descrito anteriormente ofrécese á muller acompañamento para interpoñer denuncia contra o agresor, tanto á Garda Civil, Policía Local ou Nacional, tamén se acompaña, xunto coa avogada, ao xuízo se así o require a muller... Este feito soe ser moi valorado polas mulleres, que acoden maioritariamente soas e sen apoio familiar ou persoal.

O Servizo de Teleasistencia Móbil, para as Vítimas da Violencia de Xénero (TAM-VG

O Servizo Télefónico de Atención e Protección ás vítimas da violencia de xénero (ATENPRO), é unha modalidade de servizo que, coa tecnoloxía axeitada, ofrece ás vítimas da violencia de xénero que conten con orde de protección e ou de afastamento, unha atención inmediata e a distancia, asegurando unha resposta rápida ás eventualidades que lles podan sobrevir, as 24 horas do día, os 365 días do ano e sexa cal sexa o lugar no que se atopen.


O Servizo basease na utilización de tecnoloxías de comunicación telefónica móbil (GSM) e de telelocalización (GPS). Debe permitir que as mulleres en risco de sufrir violencia de xénero poidan entrar en contacto, ante situacións de emerxencia, cun Centro atendido por persoal especificamente preparado, para dar unha resposta axeitada á crise, ben por se mesmos/as ou mobilizando outros recursos humanos e materiais, propios da usuaria o existentes na comunidade. O contacto co Centro de Atención pode estabelecerse en todo momento e dende calquera lugar, tan só premendo un botón e na modalidade de "mans libres".

O Servicio non debe limitarse a atender as demandas que ocasionalmente podan suscitar as vítimas da violencia de xénero usuarias do mesmo, senón que tamén ha de contemplar actuacións programadas de carácter preventivo. Por elo, desde o Centro de Atención poderá contactarse periodicamente coas usuarias do servizo, con autorización de estas, a fin de facer un seguimento permanente, manter actualizados os seus datos persoais e sociais, comprobar o adecuado funcionamento do sistema e intervir, se as circunstancias o aconsellan. Igualmente, as usuarias poderán comunicarse co Centro de Atención, cando o crean necesario, e no só en situacións de crise.

As persoas que cumpran os requisitos de acceso poderán solicitar a incorporación ao servizo de Teleasistencia Móbil, no SERVIZO MUNICIPAL DE ATENCIÓN Á MULLER dos Servizos Sociais Municipais.

Servizo de Asesoramento Xurídico

Servizo iniciado en setembro de 1999. Consiste nun servizo de información e asesoramento sobre asuntos relacionados con dereito de familia, menores, violencia machista, malos tratos, separacións, divorcios, discapacidades..., atendido por unha avogada.

Asesoramento xurídico individualizado

O servizo de asesoramento xurídico xurde a partir da demanda que presentan as familias nos Servizos Sociais de Atención Primaria do Concello de Fene. Hoxe en día, tanto as traballadoras sociais de base como a psicóloga responsábel do Servizo Municipal de Atención á Muller, tras entrevista personalizada e valoración, derivan ás familias á asesoría coa avogada.

Para o estudo e seguimento de cada situación realízanse reunións de coordinación nas que tamén a avogada fai unha labor de asesoramento ao equipo técnico dos Servizos Sociais. Deste xeito esta profesional esta integrada no equipo multiprofesional permitindo un abordaxe interdisciplinario cando as situacións problemas o requiren.

Ubicación: A avogada realiza a súa labor de asesoramento xurídico no local dos Servizos Sociais Municipais.

Inicio, data e horario do servizo: Lévase a cabo durante todo o ano, de xeito ininterrompido, todos os martes de 10.00 a 13.00 horas, previa cita.

Ámbito de actuación: No seu comezo este servizo destinouse exclusivamente ás mulleres do termo municipal de Fene. Posteriormente, observando a súa evolución, abriuse a algunha demanda presentada por homes, pois déronse casos nos que ambos proxenitores dunha mesma unidade familiar demandaron asesoramento xurídico respecto a problemáticas familiares. Esta apertura permitiu facer unha labor de mediación nalgunha situación de conflictividade familiar. Non obstante este servizo é requirido e orientado fundamentalmente ás mulleres.

Os temas motivo de consultas máis demandados dende a posta en funcionamento do Servizo son os seguintes:

  • Dereito de familia: separacións, divorcio, custodia dos fillos, acordos reguladores, incumprimento de sentencias, tramites de xustiza gratuíta...
  • Violencia machista: denuncia, trámites, xuízos...
  • Violencia doméstica, maltrato a menores, a maiores, a iguais...
  • Conflictividade con familia de orixe ou extensa.
  • Inmigración, reagrupamento familiar, permiso de residencia...
  • Vivenda, eliminación de barreiras arquitectónicas, sanidade e hixiene, aluguer, desahucio...
  • Tramitación de documentación, reclamacións, xustiza gratuíta, pensións...
  • Incapacitación, titoría...
  • Herdanzas
  • Incapacidade laboral
  • Convivencia veciñal e comunidade
  • Outros...

Considérase un servizo de atención especializada imprescindíbel como recurso a ofertar dende os Servizos Sociais de Atención Primaria para poder dotar ás persoas da información necesaria cara a unha toma de decisión responsábel (con coñecemento dos seus dereitos e obrigas).

Descargas
Ligazóns