Novas
-
Xogar, aprender e protexer
Os concellos de Fene e Neda impulsan conxuntamente un proxecto de prevención de condutas aditivas dirixido ao ámbito familiar e comunitario. No marco desta iniciativa, subvencionada pola Consellería de Sanidade, encádrase o programa familiar “Máis que un teito”, deseñado para ofrecer ás familias información obxectiva e veraz que promova a adopción de decisións autónomas e responsables, favoreza estilos de vida saudables e evite o desenvolvemento ou consolidación de condutas de risco, incorporando de xeito transversal a perspectiva de igualdade de xénero.
Esta sesión dirixida ás familias serve de complemento aos obradoiros preventivos que se están a impartir nas aulas ao alumnado da zona.
A primeira xornada celebrarase o luns 16 de novembro, en horario de 18:00 a 20:00 horas, na Casa da Cultura de Fene. A formación correrá a cargo de Lucía Fraguela Martínez, docente especializada en xogo e xerente de O Muiño do Fabal, quen abordará o relatorio baixo o título "O xogo como actitude de vida".
-
Charla informativa sobre Incontinencia, hixiene e protección
A delegada de Servizos de Atención Domiciliaria do Club de Coidadores, Beatriz Corredoira García, ofrecerá unha charla en Fene sobre hixiene e coidado da pel das persoas dependentes, afondando tamén na racionalización e no uso axeitado de productos. A formación, titulada Incontinencia, hixiene e protección, desenvolverase na Casa da Cultura o xoves 5 de Novembro, de 16.30 a 18.00 horas.
As persoas interesadas en asistir deben inscribirse previamente (ao obxecto de prever o número de agasallos a entregar) antes do 3 de Novembro, no departamento municipal de Servizos Sociais: no teléfono 981 342 607/ 981 492 706 ou no correo electrónico servizos.sociais@fene.gal.
-
O Concello de Fene pon en marcha un novo programa de subvencións ás familias para a festividade de Nadal 2026-27
A fin de que todos os nenos e nenas poidan vivir con ilusión a festividade de Nadal, a Concellería de Benestar Social e Igualdade de Fene abre o prazo de solicitude de axudas ás familias con fillos e fillas que a 31 de decembro de 2026 teñan unha idade comprendida entre o 0 e o 16 anos, ou maiores desta idade cando teñan o recoñecemento oficial de discapacidade. O programa contempla axudas de pago único de 125€ por menor.
As solicitudes deberán presentarse desde o 27 de outubro ao 9 de novembro 2026, ambos os dous días incluídos, no centro municipal de Servizos Sociais (Avda. do Mar, Bl. 1, San Valentín, Fene)



