O Concello de Fene pon en marcha unha nova edición do programa “Refórzate” para apoiar ao alumnado de primaria e secundaria

As sesións darán comezo nos próximos días e están dirixidas a menores en situación de vulnerabilidade, en colaboración cos centros educativos municipais

O Concello de Fene pon en marcha unha nova edición do programa “Refórzate” para apoiar ao alumnado de primaria e secundaria

O proxecto combina apoio educativo e actividades socioeducativas para fomentar estilos de vida saudábeis

O Concello de Fene inicia unha nova edición do programa “Refórzate”, destinado a apoiar ao alumnado de primaria e secundaria con dificultades de aprendizaxe ou en situación de vulnerabilidade. O proxecto, desenvolto conxuntamente cos concellos de Fene, Neda e Mugardos e financiado pola Consellaría de Sanidade, ten como obxectivo promover o desenvolvemento individual, social e emocional das e dos menores a través de sesións de apoio educativo e actividades lúdicas e saudábeis.

Segundo apuntou a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Permuy, este programa “reafirma o compromiso do Concello de Fene con aqueles menores que máis o precisan, ofrecéndolles un espazo seguro e integrador onde mellorar as súas competencias educativas e sociais, desde a igualdade e a prevención de condutas de risco”.

O programa “Refórzate” desenvolverase en dous espazos diferenciados: por un lado, a atención educativa, mediante apoio escolar individualizado; e por outro, un espazo socioeducativo onde se realizarán obradoiros de lecer saudábel, como actividades físicas, cooperativas, xogos educativos e obradoiros de cociña de Samaín, entre outros.

As sesións darán comezo nos próximos días, con actividades que abranguen desde técnicas de estudo até dinámicas grupais para afortalar a socialización. As conclusións extraídas deste programa servirán como base para mellorar a situación educativa de moitos menores do municipio.

Descargas