Clausura do programa Seráns activos do Concello de Fene

Clausura do programa Seráns activos do Concello de Fene

Varios locais sociais parroquiais do concello de Fene acolleron nos últimos días as xornadas de clausura do programa de envellecemento activo que organizou a concellaría de Benestar Social e Igualdade baixo o nome de Seráns Activos. A actividade desenvolveuse entre os meses de novembro a xuño, de xeito itinerante, nas diferentes parroquias do concello, contando coa colaboración das entidades veciñais e culturais (AVV Limodre, CPS San Valentín, SCRD Agarimo, ACDR Liga de Amigos, AVV Perlío, AVV Magalofes e Centro Sociocomunitario).

A través deste programa ofertáronse obradoiros e experiencias para persoas maiores co obxectivo de que poidan gozar dun tempo de lecer activo e satisfactorio, contribuíndo a mellorar a súa imaxe social e proporcionando ás persoas participantes claves e oportunidades para acadar un envellecemento activo e satisfactorio.

Os obradoiros que se levaron a cabo foron: Espazo de memoria; Lembranzas: o banco da memoria; e Recuperación da memoria.


• ESPAZO DE MEMORIA tivo como obxectivos principais: previr o deterioro cognitivo a través de exercicios eminentemente prácticos, favorecendo a autonomía persoal.


• LEMBRANZAS: O BANCO DA MEMORIA tivo como obxectivos principais: traballar as diferentes funcións cognitivas dende unha perspectiva máis dinámica, aportando vivencias; e facer unha recuperación da historia da parroquia ou outras temáticas que elixiron as persoas participantes en cada grupo.

• RECUPERACIÓN DA MEMORIA tivo como obxectivos principais: mellorar as diferentes funcións cognitivas coa finalidade de retardar o inicio dunha demencia ou mantela estable.

Dende a Concellaría de Benestar Social e Igualdade agradécese a cesión das instalacións para o desenvolvemento dos obradoiros ás entidades participantes, así como a colaboración prestada polo resto das entidades na difusión do programa.

Neste curso participaron un total de 105 persoas, entre os meses de outubro de 2024 e xuño 2025, contabilizánse un total de 630 horas no total do programa.

As sesións estiveron dinamizadas pola entidade AFAL Ferrolterra.