Arranca o curso de mediadores sociais en Fene

Arranca o curso de mediadores sociais en Fene

Dez persoas toman parte na acción formativa, namentras a Concellería de Servizos Sociais mantén aberto o prazo de inscrición

Dez persoas iniciaron a semana pasada en Fene o Curso de Mediadores-as Sociais que organiza o Concello, xunto ós de Mugardos e Neda, no marco do proxecto conxunto de prevención de condutas aditivas que subvenciona a Consellería de Sanidade. Impartido por persoal técnico de Asfedro, a acción formativa desenvolverase na Casa da Cultura todos os mércores deste mes e do de novembro, en horario de 18 a 20 horas.


Aínda queda algunha praza libre, polo que a Concellería de Servizos Sociais que dirixe Juana Barro mantén a inscrición aberta. Para formalizala, as persoas interesadas deben dirixirse ó Centro Municipal de Servizos Sociais (Avda do Mar, bloque 1, baixo San Valentín). Así mesmo, as fichas de inscrición poden descargarse da web municipal –www.fene.gal-.


Entre os contidos, abordarase: “Adolescencia, drogas e adiccións. Enfoques actuais”; “Información xeral sobre drogas”; “Saúde comunitaria. Conceptos básicos na prevención das condutas adictivas”; “Primeiros auxilios. Reanimación cardiopulmonar” e “O papel da persoa mediadora na prevención de condutas adictivas”.


E, entre os obxectivos que se marcan no programa, están o de mellorar as actitudes preventivas das persoas mediadoras; incrementar os coñecementos sobre os contidos preventivos ou fomentar as súas habilidades para a planificación de programas preventivos.


Máis información ou dúbidas sobre o curso, nos teléfonos 981 492 706 e 981 342 607 ou correo servizos.sociais@fene.gal.