Novas

19-05-2022

Fene acolle este venres un obradoiro de debuxo urbano a cargo da escola de BD O Garaxe Hermético

Dirixido a mozos/as de 14 a 20 anos, trátase dun taller co que se pretende sensibilizar á xuventude sobre a emerxencia climática e a necesidade de protección cara o medioambiente a través do debuxo. Para iso, ensinaranse as técnicas básicas para o debuxo de campo e o traballo ao natural. O curso, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais de Fene, será apto para todos os niveis, incluído o de iniciación. Ao fronte da actividade, que terá lugar este venres, de 16.30 a 20.30 no barrio de San Valentín, estará un mestre da Escola Profesional de Banda Deseñada “O Garaxe Hermético”, de Pontevedra. As persoas que desexen anotarse deberán enviar por correo a servizos.sociais@fene.gal a ficha de inscrición cuberta antes do venres 20 de maio ao mediodía. As prazas son limitadas (15) e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
16-05-2022

A psiquiatra ferrolá Iria Veiga participa este mércores no ciclo ContandoCiencia

Sobre a “Adolescencia e saúde mental” falará este mércores ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Fene a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga. A charla forma parte do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. Esta quinta e penúltima sesión do programa ía ter lugar a pasada semana pero, por motivos alleos á organización, tivo que aprazarse a esta semana. A entrada á conferencia do mércores será libre até completar o aforo.
13-05-2022

A biblioteca de Fene festexará as letras galegas cunha sesión de contacontos

O vindeiro martes, 17 de maio, conmemórase o Día das Letras Galegas, adicado este ano ao poeta Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987).
Para conmemorar esta data, a biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé anuncia unha sesión de contacontos titulada “Florencio Delgado Gurriarán. De Valdeorras a México”, a cargo do grupo Polo correo do vento. A actividade terá lugar o xoves 19 de maio, ás 18.00 horas, na biblioteca onde xa se pode reservar praza para asistir á función (presencialmente ou por teléfono, chamando ao 981 34 23 02 en horario de tarde ou o sábado pola mañá).
11-05-2022

Presentación do libro gañador do XXXIV Premio Pérez Parallé

No marco da programación artellada ao redor do Día das Letras Galegas 2022, o CMI Unidade de Fene acolle este sábado, 14 de maio, a presentación de Alimentar canarios con ovos da casa, poemario de Anxo Mena que resultou gañador da última edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O acto terá lugar a partir das 20.00 horas e incluirá unha actuación musical a cargo da cantautora Sofía Espiñeira.
09-05-2022

ContandoCiencia aborda este mércores en Fene o tema da adolescencia e a saúde mental

A quinta sesión do ciclo que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae a Fene este mércores, 11 de maio, á psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga. A conferencia, titulada “Adolescencia e saúde mental”, terá lugar na Casa da Cultura de Fene o mércores ás 19.30 horas, con entrada libre e aforo limitado.
22-04-2022

O programa ContandoCiencia continúa o vindeiro mércores cunha charla do inmunólogo José Gómez Rial

A cuarta sesión do ciclo que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae a Fene o mércores 27 de abril ao inmunólogo e membro do departamento de Inmunoxenética do Hospital Clínico de Santiago José Gómez Rial. A conferencia, titulada “A viaxe da vacina fronte a Covid19 no teu corpo”, terá lugar na Casa da Cultura de Fene, ás 19.30 horas, con entrada libre e aforo limitado.
20-04-2022

Contacontos na Biblioteca Municipal para conmemorar o Día do Libro

A actriz e contadora de historias Raquel Queizás leva “A maleta da avoa” este xoves, 21 de abril, á Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé. Trátase dun espectáculo de contos e lendas tradicionais galegas no que se empregan obxectos e monicreques. A función, dirixida a nenas e nenos de tres anos en diante e as súas familias, comezará ás 18 horas. Para asistir, cómpre reservar praza na biblioteca de Fene ou por teléfono (981 34 23 02 ou 607 62 53 46), en horario de apertura da mesma: de 16.00 a 21.00 horas.
06-04-2022

Cambio de horario na Casa da Cultura de Fene durante a Semana Santa

A concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) durante a Semana Santa. Neste período, o horario da instalación será o seguinte:
  • Sábado 9 e domingo 10 de abril: pechado
  • Luns 11, martes 12, mércores 13 de abril: de 10.00 a 14.15 horas
  • Do xoves 14 ao domingo17 de abril: pechado
  • Luns 18 de abril: de 10.00 a 14.15 horas
O horario habitual da Casa da Cultura de Fene retomarase o martes 19 de abril.
23-03-2022

Presentación de Gomets na biblioteca de Fene

A biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé acolle este xoves, 24 de marzo, ás 18 horas, a presentación da novela Gomets, da escritora María Isabel Cagiao Branco. A entrada ao acto será de balde até completar o aforo.
Gomets conta a historia dunha nena chamada Bely que vive nun pequeno pobo galego. A medida que vai medrando, a pequena sofre unha transformación na súa forma de ser que da lugar a unha nova personalidade, Adela. Neste libro relátanse diferentes aventuras de Bely-Adela en lugares máxicos e con diversas personaxes peculiares
11-03-2022

O físico Jorge Mira protagoniza a terceira sesión do ciclo ContandoCiencia

Sobre o “Cambio estacional de hora e fuso horario de España” falará o vindeiro mércores, 16 de marzo, a partir das 19.30 horas, o físico e catedrático de electromagnetismo Jorge Mira na Casa da Cultura de Fene. A actividade encádrase no ciclo de divulgación científica ContandoCiencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene. Entrada libre e de balde até completar o aforo.