Novas

19-10-2020

Este martes abre o prazo de reserva de entradas para asistir á XXXII Xuntanza de Gaiteiros de Airiños de Fene

A praza do alcalde Ramón José Souto González acolle este sábado, ás 20.30 horas, unha nova edición da Xuntanza de Gaiteiros que organiza Airiños de Fene coa colaboración do Concello. Atendendo aos protocolos para facer fronte á Covid-19, nesta ocasión o certame terá lugar baixo estritas medidas de seguridade e hixiene, con aforo limitado a 146 persoas e con reserva previa de entradas a través de Ataquilla.com. Ademais, como novidade, esta XXXII Xuntanza Airiños de Fene será a primeira que se retransmita por streaming e, aínda que nesta ocasión non haberá homenaxeado, sí contará coa actuación “dun grupo amigo e de grande calidade” como é Tiruleque. 

Nesta edición de 2020 a Xuntanza de Gaiteiros de Airiños de Fene reinvéntase e ofrece a posibilidade de asistir ao encontro presencialmente ou virtualmente.
15-10-2020

A biblioteca municipal de Fene anuncia o aprazamento da actuación de Ghazafellos desta tarde


Por razóns alleas á organización, suspéndese a terceira e última función do ciclo “Ler
conta moito” que ía ter lugar esta tarde na Casa da Cultura de Fene. Segundo informan dende biblioteca municipal, o contacto dun dos membros da compañía cun positivo por Covid-19 motivou a corentena do elenco do grupo ao completo, razón pola cal non poderán actuar finalmente esta tarde en Fene.

Perante esta incidencia, a función de Ghazafellos co espectáculo “A máquina do tempo” adíase para o 29 de outubro ás 18.00 horas, manténdose a reserva de prazas para
as persoas que tiñan confirmada a súa asistencia esta tarde.
14-10-2020

A biblioteca municipal de Fene conmemora o Día das Escritoras cunha mostra bibliográfica

Até o vindeiro 19 de outubro, a biblioteca Xosemaría Pérez Parallé de Fene acolle unha pequena mostra bibliográfica adicada ás escritoras. A iniciativa encádrase na conmemoración do Día das Escritoras que promove a Biblioteca Nacional de España en colaboración coa Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. A exposición amósase nesta instalación municipal de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado, de 10.00 a 13.00 horas.

Dende o ano 2016, o Día das Escritoras “busca reivindicar a labor e o legado das mulleres escritoras ao longo da historia, a partir da lectura de fragmentos representativos das súas obras”. Cada ano, esta celebración ten lugar o luns máis próximo á festividade de Teresa de Jesús (15 de outrubro).
09-10-2020

O ciclo Ler conta moito finaliza o vindeiro xoves cunha actuación de Ghazafellos

Xa se poden reservar entradas para asistir o vindeiro xoves, 15 de outubro, á derradeira función do ciclo “Ler conta moito” que organiza a biblioteca municipal de Fene no marco do programa para a dinamización da lectura da Xunta de Galicia. Nesta terceira e última sesión, a compañía Ghazafellos presentará a partir das 18 horas o espectáculo “A máquina do tempo”, dirixido a nenos/as de 5 a 11 anos. A entrada será gratuíta pero con aforo limitado a 20 persoas (10 nenos/as e 10 adultos/as). Para asistir cómpre chamar por teléfono á biblioteca de luns a venres, de 16 a 21 horas, ou os sábados, de 10 a 13 horas (teléfonos de contacto: 981342302 / 607625346).

En “A máquina do tempo", “a doutora Mon e o seu axudante Pe, logran construir unha máquina do tempo coa que nos amosarán a verdadeira historia das civilizacións mandando a Pe e a algún voluntario ou voluntaria a distintas épocas da nosa historia”.
 
08-10-2020

Este venres abre o prazo de solicitude do Bonobús Universitario para o curso 2020-2021

Facilitar o desprazamento diario, de luns a venres, no traxecto Fene-A Coruña-Fene para o estudantado universitario fenés que estea matriculado en calquera dos campus da cidade de A Coruña durante este curso 2020-2021 é o obxectivo do programa Bonobús Universitario que convoca un ano máis a Concellería de Cultura do Concello de Fene. Trala publicación das bases da convocatoria no BOP núm. 168 do xoves 8 de outubro de 2020, o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende o venres 9 ao luns 19 de outubro, ámbolos dous incluídos.
02-10-2020

O lobo bobo, de Elefante Elegante, protagonizará a segunda sesión de contacontos da biblioteca de Fene

O salón de actos da Casa da Cultura acollerá o vindeiro xoves 8 de outubro, ás 18.00 horas, unha nova función do ciclo “Ler conta moito” que organiza a biblioteca municipal de Fene no marco do programa para a dinamización da lectura da Xunta de Galicia.

Nesta segunda sesión, a compañía Elefante Elegante presentará o espectáculo “O lobo bobo”, dirixido a nenos/as a partir de 3 anos. A entrada será gratuíta pero con aforo limitado a 20 persoas (10 nenos/as e 10 adultos/as). Para asistir cómpre reservar entrada chamando por teléfono á biblioteca de luns a venres, de 16 a 21 horas, ou os sábados, de 10 a 13 horas (teléfonos de contacto: 981342302 / 607625346).
30-09-2020

A exposición “Queridas donas” de Isabel Seco Espada amosarase na Casa da Cultura até o 10 de outubro

A exposición de pintura de Isabel Seco Espada amplía as súas datas na sala de exposición temporais da Casa da Cultura de Fene. A mostra, titulada “Queridas donas” poderá visitarse nesta instalación municipal até o vindeiro 10 de outubro en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. A entrada ao recinto é libre, sen necesidade de solicitar cita previa, pero con aforo limitado (10 persoas).
29-09-2020

Aberto o prazo de reserva de entradas para os espectáculos de Street Dance Presto Vivace e Wöyza

O Festival das Ondas Urbanas, que organiza a Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña, traerá este sábado a Fene ao grupo de danzas urbanas Street Dance Presto Vivace e á cantante de hiphop-soul e rhythm and blues Wöyza. A función comezará ás 20.00 horas na praza do alcalde Ramón José Souto González e desenvolverase baixo carpa. As entradas, de balde, xa están a disposición do público na páxina de Ataquilla.com. Cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das dúas persoas que acudirán ao espectáculo.
28-09-2020

Este martes abre o prazo de reserva de entradas para o concerto didáctico do rapeiro García MC

García MC é un referente como coach no mundo adolescente. É músico de rap co-fundador de iniciativas como Dios Que Te Crew ou Nación Quilombo, entre outras.
Dende o ano 2004, o artista realiza obradoiros de cultura Hip Hop e rimas en galego cun grande impacto en varias xeracións. No concerto didáctico deste venres en Fene (CCRD de Perlío, 21.30 horas), García MC fará un repaso, xunto con un Dj de hip hop de prestixio, pola historia do rap na nosa lingua; dende o pre-rap dos Resentidos ou Charly J até Dios Que Te Crew, chegando ao panorama actual de rap en galego con ducias de propostas de toda Galicia.
26-09-2020

Rap, hiphop-soul, rhythm and blues e danzas urbanas no Festival das Ondas Urbanas de Fene

Cun concerto didáctico a cargo do rapeiro García MC no CCRD de Perlío, comezará o vindeiro venres 2 de outubro o Festival das Ondas Urbanas 2020. Organizado pola Concellería de Cultura, coa colaboración da Deputación da Coruña, o certame incluirá tres espectáculos ao longo da primeira fin de semana do mes de outubro. Así, tralo concerto de García MC do venres, o sábado 3 de outubro actuarán na Praza do alcalde Ramón José Souto González o grupo Street Dance Presto Vivace e, a continuación ese mesmo día, a cantante Wöyza. As entradas para asistir a calquera dos espectáculos poranse a disposición do público o martes 29 de setembro ás 9.00 horas na páxina de Ataquilla . Éstas serán gratuítas pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das dúas persoas que acudirán ao espectáculo.