Novas

12-05-2020 -

O Concello conmemora nas redes sociais o “Día das Letras Galegas”

Grazas ao labor do CMI Unidade de Fene e de Xosé María Pérez Parallé, en Fene vimos conmemorando o “Día das Letras Galegas” dende o seu nacemento en 1963. Dende aquela, á iniciativa do Círculo de Fene foron sumándose progresivamente o resto do tecido asociativo fenés, os centros de ensino e, a partir de 1979, as corporacións municipais democráticas.

Neste ano 2020, no que a pandemia obrigou a adiar ao 31 de outubro o plenario da Real Real Academia Galega que marca a conmemoración do Día das Letras Galegas, dende o Concello de Fene non queremos deixar de celebrar este 17 de maio de xeito virtual, a través das redes sociais e nas fenestras das nosas casas.

Nas redes sociais, a través da iniciativa que promovemos dende a nosa páxina de Facebook https://www.facebook.com/Fenequedanacasa/ e coa que pretendemos reconstruír a historia gráfica do Día das Letras en Fene dende 1963 até aos nosos días, proxecto no que contamos coa colaboración das sociedades e no que tamén queremos involucrar á veciñanza, pedíndolle que nos faga chegar calquera fotografía, vídeo, cartel ou outro material gráfico dalgunha das múltiples actividades relacionadas coa Día das Letras enviándonola por whatsapp ao 607 625 357 coa etiqueta #letrasgalegasfene2020.

Sen saírmos das redes sociais, sumándonos á proposta de Queremos Galego para “desconfinar o galego” o vindeiro 17 de maio a partir das 12:00 h, enchendo as redes sociais, nomeadamente o Twitter, con de mensaxes coas etiquetas #PrecisamosDoGalego, #QueremosGalego ou #EuFaloGalego.

Nas fenestras das nosas vivendas, pendurando a bandeira galega e cartaces para imprimir que se poden descargar no seguinte url https://www.queremosgalego.gal/2020/05/05/17-de-maio-cartaces-para-imprimir/

E non deixar pasar a ocasión para coñecer máis polo miúdo a historia do Día das Letras e ao autor homenaxeado neste 2020 entrando nas seguintes ligazóns:

Historia do Día das Letras
Carvalho Calero, biografía e obra
Ricardo Carvalho Calero na Aelg
Documental sobre Carvalho Calero, “Vieiros de esperanza” 
12-05-2020 -

O Concello ponse ao día no pagamento de facturas pendentes de 2019 e do comezo de 2020

O pleno municipal celebrado en Fene o xoves pasado tivo un contido eminentemente económico, posto que os tres grupos que conforman o goberno sacaron adiante unha modificación de crédito por un importe superior ao millón de euros que permitirá afrontar facturas impagadas do ano 2019 e dos primeiros meses de 2020. Na súa maioría trátase de recibos do ano pasado  que non contaban con partidas no orzamento ou que as tiñan xa esgotadas. En total son 770 facturas das que aproximadamente un 85% se farán efectivas esta mesma semana e o 15% restante nun prazo máximo duns 15 días, tan pronto como finalice a exposición pública do seu recoñecemento. Por outra banda, a modificación de crédito servirá para saldar contas con Viaqua por un importe cercano aos 400.000 euros trala sentencia que obriga ao Concello a satisfacer a actualización do canon dos abastecementos anteriores a 2013, ano en que a concesionaria acudiu por primeira vez ao xulgado.
10-05-2020 -

Mañá 11 de maio entramos na Fase 1 da descalada

O Concello de Fene informa que este sábado, 9 de maio de 2020, publicouse no Boletín Oficial do Estado a Orde SND/399/2020, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma, en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Cómpre lembrar que o concello de Fene, ao igual que o resto de concellos galegos, entre este luns, 11 de maio de 2020, na fase 1, polo que se establecen novas condicións no proceso de desescalada. O avance cara a nova normalidade vai depender de como nos comportemos -distancia social, hixiene, etc.- e da capacidade que teñamos en conxunto para evitar repuntes da COVID-19  polo que dende o Concello  apélase á responsabilidade dos veciños e veciñas no cumprimento das normas.

Achegamos guía da Fase 1 elaborada polo Ministerio de Sanidade, nela podemos consultar as novas condicións que temos que ter en conta a partir deste luns 11 de maio.

Por outra banda, este domingo, 10 de maio de 2020, publicouse unha nova Orde pola que se establecen as condicións a aplicar na fase 1 da desescalada, en materia de mobilidade, e se fixan outros requisitos para garantir unha mobilidade segura. Para máis información sobre este asunto pódese consultar a Orde en materia de mobilidade e nos enlaces achegados
08-05-2020 -

Fene levanta en todo o seu territorio as restricións horarias para paseos e actividade física ao aire libre

O Concello de Fene recibiu pasadas as oito deste serán unha comunicación aclaratoria da FEGAMP ao respecto das circunstancias para o levantamento das restricións horarias naqueles núcleos de poboación menores de 5.000 habitantes. No comunicado recóllese o listado de parroquias de toda Galicia facilitado pola Xunta e delégase nos Concellos a potestade de establecer as zonas en que se manterán as franxas diarias para dar paseos ou facer actividade física ao aire libre. Neste sentido, o Concello de Fene -cuxos núcleos son todos inferiores a 5.000 habitantes- decidiu suprimir as limitacións en todo o seu territorio, de maneira que a partir de mañá as saídas permitidas se poderán facer nas zonas rurais e nas parroquias urbanas dentro do horario comprendido entre as 6.00h. e as 23.00h.
Deste xeito finaliza toda unha xornada de incertidume en que o Goberno local tentou recabar da Xunta e da Delegación do Goberno unha comunicación formal e aclaratoria sobre o alcance da medida anunciada onte á tardiña polos medios de comunicación e que debía terse aplicado desde hoxe. Finalmente a Xunta achegou a aclaración a través da FEGAMP, quen cursou aviso a todos os municipios pouco despois das 20.00h.
08-05-2020 -

Comunicado do Concello de Fene sobre o levantamento de restricións horarias para paseos e actividade física ao aire libre

NOTA ACTUALIZADA ÁS 21.20 H do 8/05/2020. Ver aquí
A Consellaría da Presidencia da Xunta de Galicia anunciou onte o levantamento das franxas horarias para a actividade física ao aire libre naqueles "núcleos separados" con menos de 5.000 habitantes, despois de que o Estado aceptase as saídas en ámbitos territoriais inferiores ao do municipio. Tamén onte á tarde, e de cara á aplicación práctica deste cambio, o Executivo autonómico recibiu a encarga da Delegación do Goberno de delimitar en que lugares se poderá aplicar a medida e tamén a indicación de que fose o propio Executivo autonómico quen llelo comunicase aos concellos afectados, tal e como se recolle nesta información publicada na web da Delegación do Goberno en Galicia.
O levantamento das restricións non se publicou polo momento nin no BOE nin no DOG, senón que se soubo del por dúas notas de prensa imprecisas e polo que saiu nos medios de comunicación, principalmente xornais dixitais que incluíron nas súas informacións "buscadores de núcleos" que devolven datos de poboación pero non da proximidade entre eles. Incluso a Xunta publicou hoxe á tarde no portal Eido Local a mesma información de onte -incluida a mención expresa a "núcleos separados"- acompañada dun listado de concellos e parroquias que cumprirían cos criterios poboacionais para erguer as restricións horarias.
A situación coa que se atopa Fene, e pola que se solicitou a aclaración da Xunta, é que no centro do municipio hai tres núcleos limítrofes (Fene, Perlío e San Valentín) que non sobrepasan individualmente os 3.700 habitantes pero que, en conxunto, conforman unha trama urbana única que sobrepasa amplamente os 8.000.
Dada a seriedade da situación, e coa responsabilidade que debe presidir a acción de calquera Administración pública, o Concello de Fene intentou durante toda a xornada de hoxe obter da Xunta instrucións precisas sobre como actuar e, sobre todo, unha aclaración ao respecto de como considerar os tres núcleos do centro urbano: ben de forma individual -co que se eliminarían as franxas horarias- ou ben en conxunto, o que significaría seguilas mantendo.
Nin a Vicepresidencia da Xunta (a través da DX de Administración local) nin a Delegación do Goberno nos deron unha resposta concreta no momento de redactar esta información (18.30h.), a pesar de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo anunciou onte á tarde que o levantamento das restricións horarias se adoptaría desde hoxe venres. Tampouco a información de Eido local publicada hoxe á tarde vén precisar se os núcleos limítrofes deben considerarse como un todo ou por separado.
Cómpre lembrar que estamos falando de cuestións relacionadas coa saúde pública e co control dunha pandemia para as que o Concello debe aplicar as directrices das autoridades competentes, neste caso a Xunta e o Estado. Sería unha irresponsabilidade por parte de calquera Administración local actuar de forma unilateral ou aplicar o contido de informacións oficiosas ou imprecisas que pode non ser o máis adecuado para a prevención de contaxios.
Por este motivo, o Concello de Fene continuará esixindo das autoridades competentes claridade, concisión e información cursada a través dos cauces oficiais para poder actuar en consecuencia. Tan pronto como a Xunta ou a Delegación do Goberno -únicas autoridades competentes na materia- trasladen de maneira inequívoca as directrices que se han de seguir, o Concello comunicarallas á veciñanza a través da web fene.gal e das redes sociais.
Neste sentido recoméndaselle á poboación de todo o municipio que siga actuando coa responsabilidade que veu mostrando até agora e, mentres non se dispoña de información oficial suficientemente clara ao respecto, que siga cumprindo coas franxas horarias en que están autorizados o paseo e a actividade física ao aire libre.
08-05-2020 -

O Concello solicitou á Vicepresidencia da Xunta de Galicia unha comunicación oficial sobre como se aplicará no noso concello o levantamento das franxas horarias

NOTA ACTUALIZADA ÁS 21.20 H do 8/05/2020. Ver aquí
O Concello contactou a primeira hora da mañá coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia para que nos trasladen unha comunicación oficial sobre como se aplicará no noso concello  o levantamento das franxas horarias, pero ata o momento  a Xunta de Galicia non comunicou oficialmente a eliminación das restriccións horarias nos núcleos con menos de 5000 habitantes.

Tan pronto se reciba oficialmente algunha notificación informaremos a través dos medios de comunicación municipais. Pedímoslle a cidadanía de Fene paciencia e responsabilidade.
 
07-05-2020 -

O Concello de Fene colabora cos taxistas na hixienización dos seus vehículos

A área de Seguridade do Concello de Fene ofreceulles hai uns días aos taxistas da localidade a posibilidade de levar a cabo un programa conxunto de desinfección dos seus vehículos de cara a afrontar a Fase 1 da desescalada con maiores garantías de seguridade tanto para eles e elas como para a súa clientela, en previsión de que coa nova etapa se incremente tamén o uso deste transporte. Esta mañá xuntáronse na praza do Alcalde Ramón Souto González para tratar os coches cun produto que tamén se lle aplicou aos vehículos de Protección Civil, da Policía Local e da Garda Civil.
Trátase dunha acción complementaria das recomendacións hixiénicas e sanitarias que xa se deben adoptar dentro dos protocolos de prevención de contaxios do coronavirus. De feito, as autoridades sanitarias recomendan desinfectar todas as partes dos vehículos que se tocan coas mans, como manillas de portas, volante, panca das marchas, freo de estacionamento, retrovisores, fibelas e enganches de cintos, mandos da radio, da calefacción, etc.
07-05-2020 -

O Pleno de Fene aprobará hoxe xoves unha moción en apoio do persoal de Noa Madera Creativa

A representación laboral da empresa Noa Madera Creativa reuniuse na mañá de onte no Concello de Fene co alcalde, Juventino Trigo, e coas portavoces de BNG, PP, PSOE e Esquerda Unida para expoñerlles a "precarización das condicións laborais" que se estaría producindo na firma asentada no polígono Vilar do Colo trala súa adquisición polo Grupo Malasa. O Comité de empresa denuncia que o grupo ten intención de levar a cabo un ERE extintivo para 78 traballadores e traballadoras e aplicar outro suspensivo durante 15 meses para o resto cadro de persoal, que lle afectaría a outros 80 empregados. Neste sentido reclamouse o apoio do consistorio tanto na reivindicación dun "emprego estable e con condicións laborais dignas" como tamén á hora de darlle a coñecer a súa situación á sociedade.

Neste sentido, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, comprometeuse a levar a petición á xuntanza da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol convocada co obxectivo de consensuar unha postura común dos nove municipios. Por outra banda, e no contexto das actuais restricións á mobilidade, o Concello de Fene tamén se ofreceu a pendurar con persoal propio os carteis de protesta deseñados polo persoal. O departamento municipal de Servizos pendurará as faixas reivindicativas en puntos estratéxicos do territorio "como maneira de facer visible a situación" que atravesa a firma pertencente ao Grupo Malasa.
06-05-2020 -

Quinta entrega de tardes activas na casa

Como vimos informando, o departamento de servizos sociais quere facervos partícipes de “Tardes activas dende a casa”. Unha proposta para dinamizar toda a poboación maior de 55 anos que queira aproveitar este confinamento para a estimulación das súas capacidades, recordos e vivencias persoais.

Nesta quinta entrega  propoñemos retos, actividades de cálculo,  actividades de memoria verbal, visual, .. unha chea de actividades para entreterse no que queda de corentena. Participa!
01-05-2020 -

A veciñanza de Fene poderá pasear e facer deporte de maneira individual a partir do sábado 2 de maio

O BOE publica hoxe a Orde ministerial que regula as condicións nas que as persoas de 14 anos en diante poderán realizar actividade física non profesional ao aire libre e paseos a partir de mañá 2 de maio durante a vixencia do Estado de Alarma.

Dita práctica física pódese realizar sen contacto con terceiras persoas, unha vez ao día e respectando as medidas xa coñecidas de distancia interpersoal e hixiene.

As persoas con necesidades especiais e as maiores de 70 anos dispoñerán para as súas saídas ao aire libre dunha franxa especialmente designada para elas, separada do horario para paseos con nenos e nenas, co obxectivo de protexerlles especialmente debido á súa vulnerabilidade.
Os horarios das saídas son:
  • As persoas maiores de 14 anos poderán saír entre 6:00 e as 10:00 e entre as 20:00 e as 23:00 horas.
  • Os nenos e nenas agora poderán saír de 12:00 a 19:00 horas, sempre en compañía dunha persoa maior de idade responsable.
  • As persoas maiores de 70 anos ou dependentes poderán facelo de 10:00 a 12:00 e de 19:00 a 20:00 horas. 
Excepcionalmente, estas franxas horarias poderán non ser de aplicación naqueles casos nos que, por razóns médicas debidamente acreditadas, recoméndese a práctica da actividade física fose das franxas establecidas, así como por motivos de conciliación xustificados dos acompañantes das persoas maiores, menores ou con discapacidade.
Aínda que a práctica de calquera deporte requirirá que sexa individual, nos paseos, que non deben afastarse máis dun quilómetro do domicilio, poderase saír acompañado por unha persoa convivente ou coidador habitual se houbese esa necesidade.
 A Orde ministerial recomenda evitar tanto os espazos concorridos como realizar paradas innecesarias nas vías ou espazos de uso público. Do mesmo xeito, deberá cumprirse coas medidas de prevención e hixiene fronte ao  COVID-19 indicadas polas autoridades sanitarias.
Excepcións

Quedan excluídas desta medida as persoas con síntomas, aquelas que estean en corentena e en illamento domiciliario por ser contacto de terceiros con síntomas ou diagnosticados de COVID-19.
Dada a situación epidemiolóxica, as persoas residentes en centros sociosanitarios de maiores tamén quedan excluídas desta orde.

Ademais, non estará permitido o acceso a instalacións deportivas pechadas nin se poderá utilizar o vehículo motorizado ou transporte público para ir facer actividade física.

Dende o Concello pregamos que estas saídas se fagan con responsabilidade.  É imprescindible o respecto das normas e manter unha distancia mínima de seguridade de dous metros para evitar posibles contaxios.
Por outra banda informamos á cidadanía que no BOE de hoxe venres 1 de maio publicouse tamén a Orde pola que se permite os desprazamentos para o coidado de producións agrícolas de autoconsumo. Información aquí.