Novas

15-03-2020 -

Adopción medidas polo Concello de Fene dende o 16 de marzo e ata o día 29 de marzo de 2020

O Goberno de España declarou o día 14 de marzo de 2020 o Estado de Alarma en todo o país durante quince días, que podería prorrogarse se fose preciso e cóntase coa autorización do Congreso de Deputados.

A medida adoptouse para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

O Estado de Alarma comporta unha severa limitación dos desprazamentos e o peche dos establecementos comerciais. Así mesmo as Administracións Públicas están obrigadas a facilitar medidas que favorezan o traballo dende as súas casas aos empregados públicos na medida do posible, e sempre que sexa viable a prestación dos servizos públicos por medios non presenciais.

Polo exposto, proponse a adopción das seguintes medidas, dende o 16 de marzo e ata o día 29 de marzo de 2020:

1) Crear unha Comisión Municipal de seguimento da evolución do COVID-19 que
estará formada polas seguintes persoas:
- O/A Alcalde/sa
- Voceir@s
- Policía Local
- O responsable dos Servizos de Emerxencia e Protección Civil
- O/A Xefe/a dos Servizos Administrativos Municipais

2) A comunicación co Concello debe realizarse de forma telemática a través da sede electrónica municipal ou vía telefónica a través dos teléfonos de:
- Casa do Concello (981 492 707)
- Policía Local (981 492 777)
- Protección Civil (663 379 073)
- Servizos Sociais (981 492 706)

3) En caso de que non se dispuxese de medios telemáticos e para aqueles supostos de urxencia, o Concello atenderá presencialmente previa petición de cita telefónica, en horario de 9 a 14 horas.

4) Os servizos administrativos municipais funcionarán con porta pechada de 9 a 14 horas, dun modo moi reducido, equivalente a uns servizos mínimos, que quedarán da seguinte maneira:
- Conserxería Municipal
- Estatística (Padrón Municipal de Habitantes)
- Rexistro de Entrada Municipal e Portelo Único
- Secretaría Xeral
- Rexistro de facturas telemático (Intervención)
- Pago a provedores (Tesourería)
- Departamento de Obras e Servizos
- Cemiterios

5) Dada a situación de crise sanitaria e tendo en conta o disposto polo Goberno de España, a Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil continuarán coa prestación dos respectivos servizos de xeito ordinario, que poderán ser reforzados cando a situación o requira.

6) Os Servizos Sociais Municipais, dado o seu carácter asistencial quedarán suxeitos no desenvolvemento do seu traballo aos protocolos establecidos polos/as
responsables de Área, facilitando sempre que se poida o teletraballo aos empregados públicos que prestan servizo nestes Departamentos.

7) O persoal municipal que non preste servizos dun modo presencial deberá estar
dispoñible coa finalidade de prestar servizo ou reemplazar aos compañeiros cando
fosen requiridos.

8) Quedan suspendidas as sesións periódicas ou ordinarias dos órganos colexiados municipais (Pleno da Corporación e Comisións Informativas) no período de alarma decretado.
14-03-2020 -

A Xunta activa o plan de emerxencia de Galicia para conter o coronavirus

A Xunta declara a situación de emerxencia sanitaria de interese galego. Con esta declaración actívase, tamén, o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia.  

Con este plan actívanse todos os mecanismos e operativos recollidos nel: constituirase un centro de coordinación operativo (Cecop); porase en marcha un enlace co posto de mando avanzado; mobilizarase de forma inmediata aos grupos operativos; e levarase a cabo a comunicación á poboación das instrucións pertinentes.

Se ben, en canto o Cecop se reúna empezará a tomar as decisións que correspondan, no Consello da Xunta xa se tomaron as primeiras medidas: peche ao público de bares, restaurantes e cafeterías, podendo prestar servizos de envío a domicilio ou para a súa recollida no local. Cines e teatros. Establecementos de xogo. Salas de concerto e auditorios. Recintos feirais. Establecementos de ocio e entretemento –salas de festa, discotecas, pubs, furanchos e cafés espectáculos-. Centros de ocio infantil. Pavillóns e recintos deportivos, ximnasios e piscinas. E albergues do Camiño de Santiago.

Así mesmo, precisou que o peche non afecta aos servizos de restauración dos establecementos hoteleiros, sempre que se destinen estritamente aos clientes dos mesmos, e dos establecementos en instalacións destinadas á prestación de servizos públicos. Tampouco afecta o peche aos comercios minoristas de alimentación e produtos de primeira necesidade. En concreto, poderán abrir, por exemplo, froiterías, carnicerías, peixarías, panaderías, farmacias, gasolineiras, quioscos e tendas de alimentación.

No caso das grandes superficies, só poderán permanecer abertos ao público os establecementos de alimentación e de primeira necesidade.

Por outra banda, no tocante aos funerais establécese un aforo máximo dun terzo para os tanatorios e un máximo de 25 persoas para o acompañamento do cortexo fúnebre.
13-03-2020 -

O Concello de Fene pon en marcha unha batería de medidas para previr e conter a expansión do coronavirus

O Concello de Fene vén de facer público o decreto de alcaldía no que se concretan as medidas que a administración municipal está a poñer en marcha para tentar frear a expansión do coronavirus. O peche de instalacións deportivas e culturais municipais a partir das 14 horas deste venres 13 de marzo , a suspensión das escolas e actividades municipais, a suspensión de competicións que impliquen a asistencia de público ou as limitacións de aforo, son algunhas das accións impulsadas polo Goberno Municipal. Tamén se recomenda que as asociacións e entidades de Fene “apliquen criterios análogos aos establecidos nesta resolución” e suxírese á veciñanza que tente reducir as xestións presenciais en dependencias municipais. As medidas serán de aplicación nos vindeiros 14 días e poderán prorrogarse segundo evolucione a situación.
12-03-2020 -

Proceso selectivo para a creación dunha lista de aspirantes a peón

O Boletín Oficial da Provincia publica neste xoves, 12 de marzo, as bases de selección para a creación dunha lista de aspirantes a funcionario/a interino/a e persoal laboral temporal de prazas de peón. As probas selectivas realizaranse polo sistema de concurso de méritos. As persoas interesadas teñen até o vindeiro mercores 18 de marzo, incluído, para presentar as súas solicitudes, segundo o modelo recollido nas bases, no Rexistro Xeral do Concello de Fene. 
09-03-2020 -

XIX Maratón de Lectura

Dende a Concellalía de Benestar e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade, temos o pracer de convidar á cidadanía aos actos que terán lugar o martes 10 na Biblioteca Municipal Pérez Parallé no entorno da data de conmemoración do 8 de marzo, "Día Internacional da Muller".

Ás 9:15 h comezaremos coa inauguración do XIX Maratón de Lectura "Fene Lendo Mulleres". Durante toda a mañán o alumnado dos centros escolares de Fene participará coas súas lecturas, cancións e traballos previamente preparados en aula co profesorado. O maratón será inaugurado pola Concelleira de Igualdade, Mª Carmen Martínez Rodríguez, coa lectura do Manifesto elaborado este ano pola fenesa Silvia Filgueira Prego, mestra e responsable de igualdade no CEIP Centieiras. Muller escollida pola súa labor como docente no eido da educación en igualdade e na corresponsabilidade. (Axuntamos cartaz do manifesto). Ela será a encargada de clausurar o XIX Maratón de Lectura "Fene Lendo Mulleres", entorno ás 13:15 h coa lectura de novo do manifesto elaborado por ela.
09-03-2020 -

Fibromialxia e fatiga crónica, unha enfermidade real

O martes 10 de marzo a Biblioteca municipal acollerá ás 19.00 h a charla Fibromialxia e fatiga crónica, unha enfermidade real. Organizada polo  Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade da Concellalía de Benestar e Igualdade e impartida por   Esther Guimaré González, responsable dos proxectos socioeducativos da entidade, Justa Nieto Aguiar-Portela e Elena María López Blanco, responsables da área de divulgación. AFFINOR FERROL
06-03-2020 -

Manifesto institucional 8M Día Internacional da Muller

Manifesto Institucional do “Día Internacional da Muller” aprobado por uninimidade polo Pleno municipal do Concello de Fene o pasado día 5 de febreiro de 2020.

06-03-2020 -

Este sábado as rúas de Fene acollerán unha nova edición da Feira Outlet

O sábado 7 de marzo celebrase a Feira Outlet Merca en Fene, onde unha veintena de negocios feneses porán á venta artigos de fin de tempada con importantes descontos que oscilan entre o 20% e o 50 %, desde as 10.00 ata as 20.30 horas.
Amenizarán os eventos o  DJ OLIVEIRA e o DJ CHIMO

De 12 a 14 h, en Avenida Marqués de Figueroa (á altura do nº 13)

De 17 a 20 h, en Pza Alcalde Ramón Souto González.

Organiza a Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos "O Cruceiro", e colabora o Concello de Fene.
04-03-2020 -

Manifestación Navantia Fene

O comité de empresa de Navantia Fene convoca manifestación para o día 5 marzo de 2020 con saída do estaleiro de Fene, pola porta do dique, facendo percorrido polo Concello de Fene. 

O percorrido comezará ás 10.30 h na porta do dique do estaleiro Navantia Fene e incorporaránse á estrada do Pereirao (dirección Marqués de Figueroa), continuará pola Rúa Xunqueira, Avenida Marqués de Figueroa, Rúa da Fraga e Avenida do Concello onde se concetrarán diante do Concello. Continuará pola Avenida Naturais e no cruce de Fene onde as persoas manifestantes volverán a concentrarse. Ao rematar a manifestación continuará pola Avenida das Pías ata as portas do estaleiro.
03-03-2020 -

O alcalde de Fene recibe a un grupo de peregrinos e peregrinas de Durham

Está mañá o alcade de Fene, acompañado de membros do goberno municipal, recibiu a un grupo de peregrinos e peregrinas procedendes do condado de Durham, no nordeste de Inglaterra.

O grupo pertence a  Friends Finchale Camino, asociación recuperada despois de varias visitas de representantes da Deputación da Coruña ao condado de Durham. Converténdose así no primeiro grupos de peregrinos que veñen  dispostos a percorrer en seis días O Camiño Inglés, despois de 500 anos.