Novas

03-03-2020 -

Mandís pola igualdade no 8 M

Dende a Concellería de Benestar e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención a Muller e Promoción da Igualdade, informamos do acto simbólico que terá lugar mañá mércores día 4 no concello consistente na colocación da bandeira conmemorativa do 8 de marzo.

Igualmente, e dentro da campaña de visibilización do traballo de coidados das mulleres, unímonos á iniciativa existente nos últimos anos de colocar no balcón municipal un mandil como símbolo dos traballos non remunerados, invisibilizados, precarios e maioritariamente realizados por mulleres.

O acto terá lugar ás 13:00 h

Igualmente, convidamos á cidadanía e establecementos de Fene a unirse á campaña de visibilización colocando mandís e mandilóns en lugares visíbeis como fenestras, balcóns, escaparates, terrazas... dende o día 4 até o 15 de marzo.
03-03-2020 -

O Concello de Fene habilita unha canle de Youtube onde se subirán as gravacións dos Plenos

O Concello de Fene conta dende o pasado mes de febreiro cun sistema de gravación das sesións plenarias e, dende comezos deste mes, cunha canle de Youtube onde se poderán reproducir os vídeos. A nova canle, aínda en probas, permite visualizar xa algunhas das últimas sesións

A implantación deste novo sistema é froito do acordo adoptado polo Pleno da Corporación de Fene na sesión do pasado 5 de decembro de 2019 e permite un acceso máis directo e áxil do contido deste órgano á cidadanía. Asimesmo, permite axilizar a confección das actas municipais e mellora o grao de transparencia da administración local.
03-03-2020 -

Os “Mundos etéricos” de Rosa Salanova amósanse en marzo na Casa da Cultura de Fene

Este venres 6 de marzo, ás 20 horas, inaugúrase na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura a mostra “Mundos etéricos”, da pintora fenesa Rosa Salanova. No acto, que contará coa presenza da artista e do alcalde de Fene, Juventino Trigo, intervirán tamén as escritoras coruñesas Ana Julia Martínez Fariña e Rosi Sarmiento. Ao remate do mesmo haberá un pase de danza oriental con veos a cargo de Silvia Escudero, da Compañía “Shakti Danza”.
27-02-2020 -

O Judo Galego reúnese este sábado en Fene no “XogaJudo” e na cuarta xornada da Liga “Liga Galega Rías Altas"”

Máis de seiscentos judokas procedentes da zona norte de Galicia participarán este sábado, 29 de febreiro, no pavillón de San Valentín, nunha xornada adicada ao judo que combinará xogo e competición. O programa arrincará ás 11.00 horas co Xogajudo, xornada de Deporte Escolar que patrocinan a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Fene. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, arrincará a competición da cuarta xornada da Liga Galicia Rías Altas, correspondente á primeira da Liga de Ferrolterra.
25-02-2020 -

As comparsas toman as rúas de Fene

O Entroido de Fene finaliza esta tarde co desfile e festival de comparsas que se desenvolverá polas rúas de Perlío e Fene a partir das 18 horas. O programa da xornada -festivo local no Concello de Fene- completarase coa lectura do Testamento e queima do Antón, coa presenza da “Viuva do Entroido”. E xa como fin de festa, a Concellería de Cultura anuncia un espectáculo pirotécnico que dará paso á verbena nocturna, arrufada pola orquestra Panamá.

As dezaoito comparsas participantes no desfile deste Mércores de Cinza concentraranse na rúa Río Cádavo de Perlío ás 17.30 horas. Media hora máis tarde comezará o percorrido pola Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais, e Avda. do Concello, ata chegar á praza do alcalde Ramón José Souto González onde se desenvolvera o festival baixo carpa.
25-02-2020 -

Música e lambetadas para festexar o martes de entroido no Concello de Fene

Cunha festa infantil baixo carpa, o Concello de Fene continúa esta tarde coas actividades do seu Entroido 2020. Como é tradicional, os protagonistas deste Martes de Entroido serán os pequenos para os que se programou unha xornada de baile, música, xogos e lambetadas.
A festa desenvolverase de 17.30 a 20.30 horas na Praza do alcalde Ramón José Souto González con entrada libre. No descanso da mesma, procederase ao reparto de freixós, orellas, rosquillas, bola e torradas entre os pequenos que asistan.
21-02-2020 -

A mellora da seguridade dos viais do concello de Fene a estudo pola Deputación Provincial

A mellora da seguridade de varios viais do concello de Fene foi un dos temas centrais da xuntanza que mantiveron na Deputación da Coruña o alcalde Juventino Trigo e o vicepresidente Xosé Regueira . Na reunión participaron tamén a deputada María Muíño e a concelleira de Fene, Sandra Permui.

Reducir a sinistralidade da estrada DP 3503 é un dos obxectivos do concello de Fene que o  alcalde, Juventino Trigo, trasladou ao vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, na primeira reunión entre as institucións despois da súa toma de posesión. En concreto, o alcalde mostrou a preocupación pola situación do proxecto de obras no vial que atravesa a parroquia de Barallobre, onde estaba previsto a construción de beirarrúas e sendas que conducirían até o cemiterio.
21-02-2020 -

Dezanove comparsas participan no desfile do mércores de cinza

O Concello de Fene ultima os preparativos do seu Entroido 2020. A poucos días do arranque dos festexos, a Concellería de Cultura anuncia que, finalmente, serán dezanove as agrupacións que participarán no desfile de comparsas previsto para o mércores 26 de febreiro. Tamén se informa para ese día dun corte de tráfico, a partir das 17.30 horas (na rúa Río Cádavo), e a partir das 18.00 horas en Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais e Avda. do Concello, namentres dure o desfile de comparsas até a Praza do alcalde Ramón José Souto González.
19-02-2020 -

O Concello de Fene Conmemorará o vindeiro domingo o día de Rosalía

O parque de Rosalía de Castro, en Perlío, acollerá este domingo 23 de febreiro, ás 12.30 horas, o acto institucional que organiza o Concello de Fene con motivo do “Día de Rosalía”. Acolléndose un ano máis á proposta da Fundación Rosalía de Castro, dende a concellería de Cultura faise tamén un chamamento aos establecementos de hostalería do termo municipal para que se sumen á iniciativa e sirvan o domingo como tapa o “Caldo de gloria”, inspirado no poema “Miña casiña, meu lar”, de Rosalía.
19-02-2020 -

Cambio de horario na Casa da Cultura durante o Entroido

A Concellería de Cultura informa dos cambios no horario de apertura e atención ao público da Casa da Cultura, Biblioteca Municipal “Pérez Parallé” e Museo do Humor de Fene, por mor das festas do Entroido.
Así, o sábado 22 de febreiro, estas instalacións permanecerán pechadas. O luns 24 e o martes 25 de febreiro, o horario será de 10:00 a 14:15 horas. E o mércores 26 de febreiro, festivo local no Concello de Fene, a Casa da Cultura permanecerá pechada.
A partir do xoves 27 de febreiro, reanudarase o horario habitual de inverno: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.