Novas

14-12-2023 -

XXI Festival de Panxoliñas Concello de Fene no CCRD de Perlío

Terá lugar este sábado, 16 de decembro, ás 20.00 horas, nas instalacións do Casino de Perlío. Contará coa participación da Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, Coral Polifónica O Pote de Maniños, Tradicoro, Rondalla Estrelecer e Rondalla Perla del Río. Entrada libre e de balde, sen reserva previa.
13-12-2023 -

Contos e cantos con Vero Rilo e Luís Iglesias este venres na Casa da Cultura

“Cacho animalada” é o espectáculo de narración oral que este venres, ás 18 horas, presentan na Casa da Cultura Vero Rilo e Luís Iglesias. A función vai dirixida a público infantil e familiar, con entrada libre e de balde ate completar o aforo. En “Cacho animalada” a narradora Vero Rilo acompáñase desta vez da guitarra, da voz (e outros trebellos) do multifacético Luis Iglesias. Xuntos aventúranse nun camiño diverso, transitado por contos da nosa tradición oral, versións libres e revisitadas dos Contos de Fadas de Ángela Carter, contos de autoría que xa son clásicos da literatura e álbum ilustrado infantil… Todo o repertorio vai da man da música, da alegría, dos animais e, por que non?, de certas animaladas…
11-12-2023 -

A segunda conferencia do ciclo Contando Ciencia xirará este xoves en torno á “Sumisión química: máis aló dos titulares de prensa”

A doutora en Medicina Inés Sánchez Sellero é a nova convidada ao ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino. A conferencia, que leva por título “Sumisión química: máis aló dos titulares de prensa”, terá lugar este xoves, 14 de decembro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene), con entrada libre e de balde até completar o aforo.
11-12-2023 -

O espectáculo “Cucú, musical para bebés” inaugura este xoves a programación cultural de Nadal

Ás 16 horas deste luns 11 de decembro abre o prazo para apuntarse ao espectáculo “Cucú, musical para bebés” que María Faltri e Jorge Juan presentarán o xoves 14 de decembro, ás 18 horas, na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé. A función está dirixida a nenos/as de ata 4 anos e o aforo é limitado. Inscricións na propia biblioteca ou por teléfono (981 34 23 02) do 11 ao 13 de decembro en horario de apertura da instalación, de 16.00 a 21.00 horas.
11-12-2023 -

Aberto o prazo de inscrición para a carreira popular IX San Silvestre Concello de Fene 2023

As persoas que desexen anotarse poden facelo até o 24 de decembro ás 23.59 horas a través da páxina web da Federación Galega de Atletismo (www.carreirasgalegas.com). A inscrición será gratuíta para todas as categorías de menores e andaina e terá un custo de 3€ para os/as participantes da carreira Absoluta. A proba terá lugar o sábado 30 de decembro de 2023 a partir das 17:00 horas con saída/meta situada diante do Concello de Fene (na Avenida do Concello). Poderán participar todos/as os/as atletas que o desexen, estean federados/as ou non, atendendo ás seguintes categorías: Biberóns (ano de nacemento 2019), Pitufos (2018), Sub 8 (2016-17), Sub 10 (2014-15), Sub 12 (2012-13), Sub 14 (2010-11), Sub 16 (2008-09), Sub 18 (2006-07), Absoluta (2005 e anteriores) e Andaina (todas as idades).






05-12-2023 -

Cun bautismo solidario de mergullo botará a andar o programa de actividades deportivas do Nadal en Fene

Un ano máis, a Concellería de Deportes organiza para o Nadal unha serie de propostas de entretemento relacionadas coa actividade física compartida en familia. A primeira das actividades incluídas no programa é un bautismo solidario de mergullo, que organiza o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus coa colaboración do Concello. A maiores, anúnciase un novo Campanadal, clases de patinaxe para persoas adultas e menores e unha nova edición da carreira San Silvestre. E, como novidade, os “Xogos acuáticos en familia” que xa se celebraron en edicións anteriores, amplían horario e prográmanse para todos os días de apertura da piscina durante as festas.
04-12-2023 -

Contos e música para festexar o Nadal no Concello de Fene

Tralo acendido das luces de Nadal e logo do anuncio dunha nova Festa de Fin de Ano, o Concello de Fene desvela hoxe as principais citas culturais para as festas que comezan nuns días. Cinco espectáculos para público infantil ou familiar, a visita do Apalpador aos centros de ensino de Infantil e Primaria ou o Festival de Panxoliñas, son algúns dos atractivos dun programa ao que porá o colofón, como é tradicional, a Cabalgata e a recepción real das SSMM Os Reis Magos de Oriente. Os nenos/as (entre 6 e 12 anos cumpridos) que queiran participar como paxes reais na Cabalgata, poderán apuntarse do 18 ao 29 de decembro no Rexistro Xeral do Concello (folla de inscrición dispoñible en www.fene.gal). O aforo é moi limitado e a inscrición realizarase por orde de solicitude. Por outro lado, desde a Concellería de Cultura tamén avanzan que, do 18 de decembro de 2023 ao 5 de xaneiro de 2024 estará instalada a Caixa de Correo Real na entrada da Casa do Concello.
01-12-2023 -

A cuarta sesión do programa “Acompañar no reto de educar” abordará o tema da convivencia coas emocións

“As emocións definen o que sentimos cando nos relacionamos coas persoas ou cando nos enfrontamos ao que nos pasa na vida. Son unha resposta interna. Poder sentilas, aceptalas ou vivilas é todo un reto”. Baixo este plantexamento, o vindeiro luns, 4 de decembro, de 18 a 20 horas, desenvolverase na Casa da Cultura de Fene un novo encontro do ciclo de conferencias para familias organizado polas Concellerías de Servizos Sociais dos Concellos de Fene, Mugardos e Neda, e subvencionado pola Consellería de Sanidade. A conferencia vai dirixida a todos os públicos (Anpas, entidades sociais, familias...) e para participar cómpre apuntarse (enviando a ficha de inscrición dispoñible en www.fene.gal a servizos.sociais@fene.gal).
30-11-2023 -

O pavillón de San Valentín acolle este sábado o XVIII Trofeo de Judo de Minikatas “ Concello de Fene”

Quince clubs da bisbarra tomarán parte este sábado, 2 de decembro, no XVIII Trofeo de Judo de Minikatas que organiza o Club Artes Marciais Fene coa colaboración da Concellería de Deportes. O encontro desenvolverase no pavillón da Xunqueira a partir das 10:30 horas e contará coa participación duns 300 judokas da comarca de Ferrolterra e da Coruña, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Os clubs e deportistas inscritos pertencen maioritariamente aos concellos de Fene, Ferrol, Narón, Cabanas, Pontedeume, Miño, A Coruña, Arteixo e Teixeiro.
29-11-2023 -

Fene entra de cheo no Nadal este venres co acendido das luces e anuncia unha nova Festa de Fin de Ano

A concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira, anunciou esta mañá o acendido do alumeado de Nadal que decorará as rúas e parroquias de Fene durante as próximas semanas. Será este venres, 1 de decembro ás 18.00h, e poderase desfrutar até pasada a noite de Reis. Por outro lado, logo do éxito do ano pasado, desde a área de Promoción Económica tamén se está a ultimar a segunda edición da Festa de Fin de Ano, coa que Fene lle dará á benvida ao 2024. Arrincará na Praza do alcalde Ramón José Souto González unha hora despois das uvas, e prolongarase até o amencer.