Novas

28-10-2019 -

Visita do alumnado do CPI Cruz do Sar de Bergondo ao Museo do Humor de Fene

Alumnos e alumnas de segundo curso da ESO do CPI Cruz do Sar de Bergondo desprazáronse a semana pasada a Fene para participar nunha visita guiada ao Museo do Humor e achegarse á exposición Premios Curuxa 2019. A iniciativa enmarcouse no programa de visitas guiadas que ofrece o Concello de Fene para grupos escolares, asociacións ou colectivos.
25-10-2019 -

Avelino González, Manquiña, A Patacón, Quico Cadaval e Pepo Suevos, no ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor”

Todas as funcións terán lugar no Museo do Humor, con entrada de balde previa retirada de convite o mesmo día do espectáculo

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá a posta en marcha do ciclo de monólogos "Novembro, Mes do Humor". Un ciclo no que tomarán a palabra os cómicos e humoristas Avelino González, Manquiña, A Patacón, Quico Cadaval e Pepo Suevos e que se celebrará o último xoves de outubro (día 31) e todos os venres do mes de novembro no Museo do Humor de Fene, con entrada de balde pero con necesaria retirada de convite (o mesmo día do espectáculo). As funcións desenvolveranse a partir das 20 horas e están dirixidas a un público adulto.
25-10-2019 -

Fene acollerá a exposición do 27º certame Galicia en Foco. O Fotoxornalismo Galego

O salón de plenos da Casa da Concello de Fene acollerá, a partir do próximo luns 28 de outubro, a exposición do 27º certame de fotografía "Galicia en Foco. O Fotoxornalismo Galego", que convoca o Club de Prensa de Ferrol. O acto de inauguración, que presidirá o alcalde, Gumersindo Galego, está previsto para as 19 horas, e a el está convidada toda a veciñanza. No mesmo, tomarán parte a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa; a presidenta do Club de Prensa, Julia Díaz, e o directivo Xoán Rubia. A partir de aí, a mostra poderá visitarse ata o 29 de novembro en horario de luns a venres, de 10 a 14,30 horas.
 
24-10-2019 -

Últimos días para anotarse no Proxecto INDIRA

A Concellería de Igualdade do Concello deFene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, informa de que o vindeiro 6 de novembro comeza o novo Proxecto INDIRA, un espazo para mulleres. Esta actividade está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.
23-10-2019 -

Fene celebra este xoves o Día Internacional da Biblioteca promovendo a lectura coa función “Maxia e libriños con Leo Leíño”

A Biblioteca Pública Municipal Xosémaría Pérez Parallé acolle mañá, 24 de outubro, o espectáculo “Maxia e Libros de Leo Leíño”, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos. A actuación terá lugar ás 18,00 horas e fai un percorrido, a través da maxia e dos contos, por historias incribles que farán descubrir aos participantes o universo sen límites que se agocha dentro dos libros.
23-10-2019 -

O Concello de Fene investirá 117.000 euros nas obras de reurbanización dos bloques III e IV en San Valentín

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá da aprobación en xunta de goberno local do expediente de contratación, autorización de gasto e apertura do procedemento para levar a cabo as obras de reurbanización dos bloques III e IV en San Valentín. Unha intervención na que o Concello investirá 117.441,01 euros con cargo ao POS+2019.

As obras que sairán agora a contratación contemplan esencialmente o acondicionamento das beirarrúas e das zonas axardinadas e, con elas, o Concello concluirá a reurbanización de todos os bloques de San Valentín que dan á Avenida do Mar. Lembrar que este tipo de intervencións arrancaban no bloque 7, nunha elección que se determinaba por sorteo, e que en diferentes anualidades se continuou noutros bloques.
22-10-2019 -

O Concello adxudica as obras de ampliación da rede de saneamento no lugar de A Torre, en Magalofes

Cun investimento de 47.254,71 euros e un prazo de execución de tres meses, o Concello de Fene vén de adxudicar as obras de ampliación da rede municipal de saneamento de augas residuais no lugar de A Torre, en Magalofes. Así o avanzou esta mañá o alcalde, Gumersindo Galego, para sinalar que estas obras permitirán estender o servizo de alcantarillado ao 100% das vivendas.
18-10-2019 -

O Concello inicia de urxencia as obras para pór fin ás inundacións na rúa da Fraga

Durante a próxima semana, as obras obrigarán a restrinxir a circulación no tramo entre Electroagro e o entronque coa Avenida Marqués de Figueroa

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou do inicio con carácter urxente das obras para dar solución ás inundacións que se rexistraron nas últimas semanas na rúa da Fraga. Unha intervención orzamentada en 48.000 euros, procedentes de fondos propios, e un prazo estimado de execución duns dez días. Nesta liña, as obras obrigarán a cortar a circulación no tramo entre Electroagro e o entronque coa Avenida Marqués de Figueroa durante a próxima semana.
18-10-2019 -

A unidade móbil de doazón de sangue desprázase a Fene este luns e martes

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase a próxima semana a Fene por partida doble. Permanecerá diante do centro de saúde o luns 21 de outubro de 15,30 a 21 horas e o martes 22 de 9,30 a 14,30 e de 15,30 a 21 horas. Nesta liña, dende o Concello, anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón.
17-10-2019 -

O Concello impulsa terapias para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias

O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Tamara Miragaya, promove terapias no municipio para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias. Lévanse a cabo no Centro Sociocomunitario de Perlío, con sesións de dúas horas dous días á semana. Máis concretamente, os martes e xoves de 18 a 20 horas.

As terapias, que imparte AFAL Ferrolterra (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Ferrol e Comarca), son completamente gratuítas e as persoas interesadas nas mesmas poden formalizar a súa inscrición no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene ou en AFAL (981 37 06 92).

Con estas terapias, o Concello busca mellorar a atención ás persoas afectadas de alzheimer e outras demencias e, tamén, contribuír ao necesario respiro familiar dos seus coidadores.