Esta mostra recolleu orixinais de destacados humoristas galegos que formaron parte do elenco de autores que publicaron na revista Retranca entre os anos 2007 e 2011 (Kiko da Silva, Pinto&Chinto, Leandro, Andrés Meixide, Miguelanxo Prado, Alberto Guitián, Luis Davila, Fernando Iglesias "Kohell" ou José Antonio "Bernal”, xunto cos clásicos do humor gráfico galego como Xaquín Marín, Siro López ou Xosé Lois “O Carrabouxo”).
A maiores, a exposición complementábase cunha colección de paneis nos que se daba conta da historia desta singular revista, fundada en Vigo en outubro de 2007 polo debuxante Kiko Da Silva.
A exposición “Xeración Retranca” permaneceu aberta ao público na sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene do 2 ao 31 de outubro de 2015.
Segundo explica o estudoso Félix Caballero Wangëmert no seu artigo “La revista Retranca y su papel catalizador del nuevo humor gráfico gallego”, a revista “Retranca” “constituiu un fito na historia do humor gráfico galego por dúas razón principais: inaugurou un novo modelo de publicación en Galicia, híbrido de humor gráfico e cómic, na liña de El Jueves, e reuniu a case a totalidade da nova xeración de humoristas gráficos galegos (Kiko Da Silva, Pinto & Chinto, Leandro, Meixide, Davila…), adoptando un papel catalizador. O seu impacto traspasou pronto as fronteiras galegas: en 2007 obtivo o Premio do Público á Mellor Revista no Salón do Cómic de Barcelona, e boa parte dos colaboradores de El Jueves debuxaron tamén para Retranca”.