O humor e os dereitos da infancia (2012)

Museo do Humor   Exposicións   O humor e os dereitos da infancia (2012)

Mostra colectiva na que diferentes ilustradores/as amosaron, dende unha perspectiva humorística, o seu punto de vista sobre o tema dos dereitos dos/as nenos/as. A mostra estaba baseada na “Declaración dos dereitos da infancia”, proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa resolución 1386 (XIV), do 20 de novembro de 1959.
 
A escolla deste tema respondeu a dous obxectivos fundamentais. Por un lado, levar á reflexión sobre un asunto de interese social e de máxima actualidade. Por outro lado, revitalizar o Museo do Humor, ampliando os seus fondos e facéndoo máis atractivo de cara ao público infantil e xuvenil.
 
Para a posta en marcha deste proxecto -iniciado no verán de 2011- o Museo do Humor púxose en contacto con distintas asociación profesionais de ilustradores e numerosos debuxantes aos que se solicitou colaboración. A resposta foi excelente, recibíndose máis dun cento de obras de procedencias tan diversas como Galicia, Barcelona, Valencia, Madrid, Xaén, Arxentina, Brasil, Perú, Uruguay, México, Azerbaixán, República de Tatarstán ou Grecia.
 
Entre os/as autores que se incluíron finalmente na exposición, salientaban: Armando Salas, Kostas Grigoriadis, Martirena, Primitivo Marcos, Quico, Kap, Elena Ospina, Sayran Caferli, Sabela Arias, Moi, Nerja, Cristobal Reinoso, Harca, Malagón, Pinto&Chinto, Juan Carlos Contreras, Silvia Castro, Omar, Pietro Francioso, Haro, Ermengol, Viacheslav Bibishev, Tonisavski, Arturo Molero, Sandra García, Pablo Cózar, Laura Klamburg, Ana Navarro, Angelines San José, Bárbara Taube, Idoia de Luxán, Panayiotis Milas, Hugo Román, Raúl Salvatierra, Zulema Galeano, Mónica Ruíz, Jorge Fernández, Inma Almansa, Mar Ballesteros e Augusto Metztli.
 
“O humor e os dereitos da infancia” amosouse na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene do 11 ao 30 de xaneiro de 2012. Posteriormente, o Concello de Fene emprestou a exposición a numeroros colexios/asociacións que a solicitaron.

Ligazóns