40º aniversario da revista "Can sen dono"
Museo do Humor Exposicións   40º aniversario da revista "Can sen dono"A finais de 1982, na contorna do Primeiro Seminario Galego do Humor, celebrado no Museo Carlos Maside de Sada, e baixo o acubillo de Isaac Díaz Pardo, un grupo de debuxantes de Vigo presentaba o proxecto editorial dunha revista galega de humor que se ía denominar “Can sen dono”. A publicación foi unha realidade en 1983, ano no que ve a luz o seu número cero, coa dirección de Pepe Carreiro, coordinación de Gogue e edición de Antón Mascato. Desde esta data ate 1989 (e con 23 números publicados e catro extraordinarios), máis de medio cento de humoristas gráficos e tamén algúns humoristas literarios chegaron a participar nesta revista satírica galega á que en 2023, corenta anos despois, o Museo do Humor Xaquín Marín rendeu homenaxe.
A exposición “40º aniversario da revista Can sen dono”, comisariada polo humorista gráfico e colaborador da revista Paco Oti, foi promovida polo Museo do Humor Xaquín Marín e a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Biblioteca de Galicia (Xunta de Galicia).
Segundo Paco Oti, “a xuntanza do Primeiro Seminario Galego do Humor foi especial para nós, pois presentaba en sociedade un novo nacemento, o da revista Can sen dono, que a partir de 1983 conseguiu unificar e consolidar as profesións do humor gráfico e literario”.
Na exposición púidose ver unha compilación de debuxos orixinais, acetatos e recortes empregados na composición das páxinas da revista. Tamén se amosaron reproducións das vinte e tres portadas e dos catro especiais publicados de Can sen dono, xunto con correspondencia orixinal e referencias bibliográficas.
A mostra “40º aniversario da revista Can sen dono” amosouse no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene do 8 de setembro ao 27 de outubro de 2023.