Na xuntanza celebrada o 9 de maio de 2024, o xurado do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno -formado polos debuxantes Inés Vázquez e Víctor Boullón, xunto co autor de bd e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e a coordinadora do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos- acordou conceder os seguintes premios:
Na categoría infantil (de 8 a 11 anos):
• 1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma, á obra presentada co título Xeriátrico de Robots. Aberta a plica, o seu autor é Diego Noguerol Feijoo. O xurado valorou a calidade técnica do debuxo, a limpeza no tratamento da cor, unha boa composición e un guión que acompaña coa calidade do debuxo. Ademais salientou que a historia se entende con total claridade.
• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma, á obra presentada co título Desde o seu punto de vista. Aberta a plica, a súa autora é Maia Tato Rodríguez. O xurado valorou que o guión da historia é moi divertido e que se entende moi ben, convidando a serguir lendo. Ademais, condensa moita información en pouco espacio, sen deixar de ser unha historia de síntese. E que o deseño do personaxe central é moi orixinal e mola moito.
Na categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos):
• 1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma, á obra presentada co título Imaxinando o futuro. Aberta a plica, a súa autora é Ainara Soto Reino. O xurado valorou a combinación perfecta entre guión e debuxo, unha técnica de cor espectacular en relación á categoría que compite e o uso moi correcto da narrativa gráfica.
• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 € e diploma, á obra presentada sen título. Aberta a plica os seus autores son Ana Manso López e Gael Rivas Núñez (CPR Santa Juana de Lestonnac). O xurado valorou a minuciosidade do debuxo e a calidade do entintado. Tamén salientou a narrativa, clara e directa, e o carácter optimista da historia, resolta con humor branco.
Asemade, o xurado acordou nomear finalistas na categoría Xuvenil, con diploma e agasallo pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Jimena Rivas Garel (IES Concepción Arenal, Ferrol), co título O paraxo robot, e Noa Fachal Bermúdez (CPI San Sadurniño), co título Carmen e as novas tecnoloxías.