O Olimpo da Caricatura é unha exposición que xorde dunha nova colaboración entre o Museo do Humor e Xaquín Marín. Quince artistas forman parte deste Olimpo. Figuras de recoñecido prestixio que proveñen de moi diversos países: Albania, Portugal, Cuba, Brasil, Italia, Grecia, Polonia, Bélxica, Rusia e, como non, España. Ata temos un representante do barrio ferrolán de Esteiro.
No monte Olimpo de Grecia, os principais deuses do panteón grego, vivían en palacios de ouro e cristal desde os que contemplaban o mundo. Os nosos deuses, que saibamos, non viven nestes impresionantes palacios, pero sí teñen unha visión do mundo especial, unha ollada crítica que logo son quen de plasmar en verdadeiras obras de arte.
Pero ademais, nese Olimpo esta Zeus (Xaquín), o rei dos deuses, que ten o seu trono no Panteón (que vén sendo o punto de encontro de tódalas divindades). Porque Xaquín foi o ideólogo e o nexo que conseguiu reunir nesta exposición aos quince caricaturistas aquí representados. Artistas dos que cómpre salientar, amais da súa calidade, a vontade de colaboración e a xenerosidade que amosaron aportando a súa obra.
Neste Olimpo non hai un deus máis importante ca outro, todos teñen unha cualidades que os fan especiais, e, como tal, a distribución da súa obra neste espazo fíxose por orde alfabético, atendendo aos seus nomes artísticos. E aínda, que para nós, a obra de Xaquín tamén debería estar no Olimpo da Caricatura (méritos non lle faltan), desta vez él declinou a proposta, outorgando o protagonismo únicamente aos debuxantes convidados.
Para o Museo do Humor Xaquín Marín é moi importante estreitar lazos con humoristas gráficos doutros países. E se ben, nos primeiros anos do museo, con Xaquín ao fronte, veu a Fene algunha exposición internacional (como a de Humor Cubano, a de 106 humoristas contemporáneos ou a de René de la Nuez), e a propia exposición dos Premios Curuxa era unha mostra do humor gráfico que se facía polo mundo adiante, nos últimos anos estamos a centrarnos máis no humor gráfico galego e español.
Por iso, é de recibo agradecer a Xaquín e ao seu fillo Xandre, que tamén foi colaborador necesario neste proxecto, a oportunidade que nos brindaron de coñecer a estes grandes artistas e de abrir novas vías de colaboración que enriquecen o noso Museo.
Exposición organizada polo Museo do Humor Xaquín Marín coa colaboración da Xunta de Galicia (convocatoria de axudas a centros museísticos da Comunidade Autónoma de Galicia 2024).