Humor do país, de Luís Davila (2016)
Museo do Humor Exposicións   Humor do país, de Luís Davila (2016)Corenta e cinco paneis, 200 tiras cómicas, 30 orixinais e diversas figuras a grande formato conformaron a exposición “O humor do país”, mostra organizada polo Museo do Humor de Fene para achegar aos visitantes a obra do xenial humorista gráfico Luís Davila.
A mostra complementouse coa proxección da serie completa de tiras cómicas animadas por Davila e emitidas no programa da TVG “A casa da Conexa”. Tamén incluiu un photocall onde os visitantes puideron fotografarse acompañados polos populares personaxes Dora a Desbrozadora e Tucho.
Na inauguración da exposición, o 13 de outubro de 2016, Davila realizou no Museo un debuxo “ao vivo” sobre un vinilo e asinou exemplares dos seus libros de “O bichero”. Ademais, o humorista gráfico estivo acompañado polo actor Carlos Blanco (co que comparte escenario nos espectáculos “Menú de noite” e “Menú do día”).
Luís Davila, 1972. Humorista gráfico nado en Bueu e vencellado dende a súa infancia a este concello onde medrou e reside actualmente (considérase “morrasseiro” ata a médula espiñal).
Deseñador gráfico pola escola de Artes e Oficios Pablo Picasso de A Coruña,
Especialista en retratar o particular humor galego, facendo rir, mais tamén cavilar, aos lectores diarios do decano da prensa española. Dende o ano 1998 publica as súas tiras de “O bichero” e “O fotomatón” no xornal Faro de Vigo.
Alcumado “O bichero”, Luís Davila toma o seu nome artístico da ferramenta (un gancho cun garfo na punta) que levan a bordo no barco os mariñeiros do Morrazo.
O estilo de Davila combina “unha fina retranca e un tratamento irónico e intelixente da actualidade política, social, económica e mesmo deportiva, xunto a un certeiro retrato da idiosincrasia galega”. A través de personaxes como Dora a Desbrozadora (metáfora da muller traballadora voluntariosa galega), Davila “saca punta aos estereotipos, rise deles e fai rir con situacións que non resultan inverosímiles”, retratando a vida da Galicia máis auténtica: a dos labregos, mariñeiros, etc.
A día de hoxe ten autoeditados seis libros nos que compila as súas tiras de “O bichero”: “O bichero I”, “O bichero II. Outra ronda”, “O bichero III. Non hai dous sen tres”, “O bichero IV. Menudo día”, “O bichero V. Living a vida loca” e “O bichero VI. Ti sacha”.
Nos últimos anos o traballo de Luís Davila ven acadando cada vez máis repercusión, grazas sobre todo ao seu talento, pero tamén á súa constante presenza nas redes sociais (a páxina de Facebook "Fans de Luis Davila" conta con máis de 78.000 'likes') e á súa participación en múltiples e variados proxectos, coma os espectáculos “Menú do día” e “Menú da noite”, nos que acompaña ao humorista Carlos Blanco sobre o escenario.