A Casa da Cultura acolle os Hábitats do fotógrafo coruñés Calrús

Museo do Humor   Noticias  

“Parécenos que o punto de vista da nosa cultura ten que ser válido para toda a humanidade, pero a realidade é que non hai unha xerarquía de culturas, non existen culturas inferiores e superiores, só culturas diferentes...pero en igualdade. É certo que ás veces resulta difícil comprender moitas actitudes e formas de sentir, pero...respectar...debe ser un principio fundamental, unha obriga para nós e un dereito para os demais”

Así se presenta “Hábitats”, a exposición do fotógrafo coruñés Carlos López, “Calrús”, que se amosa dende hoxe na Casa da Cultura de Fene. A mostra, que se poderá visitar nesta instalación até o vindeiro 12 de maio, é froito “dun traballo fotográfico realizado durante varios anos coa intención de captar outros costumes e crenzas, outras formas de organización social, de interpretar a relixión e a sexualidade; outras tradicións e outros xeitos de vivir”. Porque, segundo Calrús, “temos que aprender a valorar a riqueza que ofrece calquera cultura e tratar de entender as distintas formas de ver a vida...e a morte; ao fin e ao cabo todos andamos na busca do mesmo: sobrevivir, ser felices, amar, rir...vivir.”

Cincuenta e catro fotografías compoñen a colección “Hábitats”, de Carlos López. Cunha instantánea desta serie, o fotógrafo coruñés acadou o 2º premio no Concurso de Fotografía do Csif “Miradas de mujer” 2016.

Natural da Coruña pero residente en Santiago de Compostela, Calrús é un apaixonado da fotografía en branco e negro. Así, afirma: “Non é que sexa un obseso do Branco e Negro, pero en calquera caso, tarde ou cedo, as miñas fotos acaban en branco e negro, para min un xénero fotográfico en si mesmo e o que me cativa, non sei se porque xa de cativaban as películas de cinema en branco e negro ou porque as grandes iconas da fotografía están capturadas en branco e negro, ou polos recordos daquel laboratorio caseiro. O branco e negro é atemporal.”

Enlaces