Noticias
Este venres, 6 de novembro, arrinca o ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene para conmemorar o seu aniversario. Nesta primeira xornada, na que ademais se entregarán os Premios Curuxa 2026, o protagonista será Quico Cadaval. O espectáculo, titulado “30 anos a contar historias. Notas de rodapé ”, comezará ás 20.00 horas. A entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene o mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
“30 anos a contar historias. Notas de rodapé ” é un espectáculo mestizo entre o conto de lareira, o cabaret literario e o teatro épico.
Coa entrega dos premios Curuxa do Humor 2026, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 6 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Juan Gabriel Benavides, Juli Sanchís, Anxo Iglesias e Matías Tolsá recibirán os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, os representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.
Na xuntanza celebrada este mediodía no Museo do Humor Xaquín Marín, o xurado do XXX Concurso de Humor Gráfico e Caricatura Curuxa do Humor acordou outorgar a Juan Gabriel Benavides o 1º premio Curuxa, a Juli Sanchís, Harca, o 2º premio Curuxa; a Anxo Iglesias o 1º premio Curuxa Nova e a Matías Tolsá o premio da categoría Caricatura. Ademais, recibiron mención de honra no certame Antonio Sabín Anca, Tonisavski, e Sebastià Martí Benedí (na categoría Curuxa); e Roberto Bianchi e Iván Mata Tamayo (na categoría Caricatura)
O xurado estivo formado polos humoristas gráficos Xaquín Marín, Luís Davila e Carlos López (Pinto&Chinto), completándose coa responsable do museo fenés, Almudena Marcos, que actuou en calidade de secretaria do concurso.
