Leti da Taberna volta a Fene para participar no Novembro, mes do humor

Museo do Humor   Noticias  

Este venres, 20 de novembro, continúa o ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene para conmemorar o seu aniversario. Nesta xornada a protagonista será Leti da Taberna cun espectáculo titulado Jastac Japi Jolidais. Comezará ás 20.00 horas, con entrada de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene o mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.

Ata que punto disfrutamos do tempo de lecer? Vivimos como desexamos? Pasamos once meses ao ano ansiando as vacacións? Realmente desfrutámolas? Viaxamos por pracer ou postureo? Cal e o prezo da turistificación? As respostas a todas estas preguntas e moitas máis están no novo espectáculo de Leti Da Taberna. Unha función na que a humorista dá un enorme paso adiante; ademais de morrer de risa, poderemos ver momentos da comedia física, unha escenografía ben resolta e un espazo sonoro que te vai facer sentir no teu resort soñado. Prepara a túa cámara selfie e abre as túas redes sociais, marchamos de viaxe con Jastac Japi Jolidais e as risas están incluídas no pack!!!

Leti da Taberna (nome artístico de Leticia Miraz) é taberneira de nacemento, profesional sociosanitaria e creadora de contido galega, moi coñecida en redes sociais como TikTok e Instagram pola súa retranca e humor en galego.

Comezou a subir contidos a redes en maio de 2020 e na actualidade conta con decenas de miles de seguidores (máis de 136.000 entre Instagram e TikTok), abordando temas cotiáns, a relación coas redes sociais e vivencias tras a barra. Ademais é autora do espectáculo cómico “Enredada” e da xira “Enredadas no Camiño”, onde mestura comedia, improvisación, crítica social e historias do rural galego. Tamén colabora e participa habitualmente en contidos da Radio Galega e da TVG.

Trata cita deste venres, o Novembro, mes do humor 2026 pechará o vindeiro venres co espectáculo Falemos como galegas, de Migallas Teatro.

Ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).