Xogos, quebracabezas e obradoiros para conmemorar o "Día dos Museos" no Museo do Humor de Fene
Museo do Humor Noticias15-05-2017
A Concellería de Cultura de Fene organiza unha xornada de portas abertas para animar a maiores e pequenos a visitar este singular centro expositivo
O vindeiro xoves, 18 de maio, conmemórase en todo o mundo o Día Internacional dos Museos, unha xornada coa que se pretende concienciar ao público en xeral sobre o importante papel dos museos no desenvolvemento da sociedade. No Concello de Fene, o Museo do Humor súmase un ano máis a esta festa, promovendo unha xornada de portas abertas e numerosas actividades para gozar do museo en familia. As actividades desenvolveranse o mesmo xoves, 18 de maio, de 17.00 a 19.30 horas, con entrada libre.
Construccións en 3d, proxeccións, quebracabezas, xogos xigantes (catro en liña, xadrez, tangram), a árbore dos sombreiros e ata un obradoiro de chapas no que os participantes realizarán os seus propios deseños. Son algunhas das propostas que a Concellería de Cultura de Fene presenta este ano de cara a conmemoración do Día Internacional dos Museos. As áreas lúdicas, repartidas por distintas zonas do Museo do Humor (2º e 3º andar da Casa da Cultura de Fene), estarán animadas con temática circense e coordenadas por dous monitores de Ubuntu Xogos.
Día dos Museos
A rede do Consello Internacional de Museos (ICOM) elixe cada ano un tema para o Día Internacional dos Museos, cuxo obxectivo é “compartir as preocupacións da comunidade museística coa sociedade”. Nesta ocasión, en 2017, o tema do Día dos Museos é “Museos e historias controvertidas: dicir o indecible en museos”. O ICOM é unha organización creada en 1946 por e para os profesionais dos museos. Trátase dunha rede única da que forman parte máis de 35.000 museos e profesionais que representan á comunidade museística internacional. Bo exemplo da excelente saúde da que goza este organismo é o feito de que, nos últimos anos, ao redor de 30.000 museos de máis de 120 países do mundo veñen festexando o 18 de maio o “Día Internacional dos Museos”.