31-05-2017
Fin de Curso no Obradoiro "Licenza para Rir" do Museo do Humor de Fene
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá, entregaron onte á tarde os diplomas ás participantes no obradoiro Licenza para rir 16/17 que se desenvolveu no Museo do Humor de Fene dende o mes de outubro do pasado 2016 até finais deste mes de maio.
Coa entrega de diplomas chegou ao seu fin a terceira edición deste taller que dirixe dende os seus comezos a experta en risoterapia Clara González Domínguez e que se encadra na programación das Escolas Culturais Municipais do Concello de Fene. O obradoiro, dirixido á poboación adulta, pretende proporcionar ferramentas coas que activar a risa propia, franca e saudable, favorecendo unha actitude cara a vida plantexada con sentido do humor.
Entre os obxectivos de Licenza para rir, salientan: dar a coñecer e valorar as potencialidades terapéuticas e curativas da risa; fomentar a creatividade individual e grupal dende o lúdico; utilizar a risa como unha ferramenta favorecedora da comunicación e un estímulo da creatividade; aproveitar optimamente os beneficios das sesións e axudar ao corpo e á mente a afrontar positivamente calquer situación de tensión utilizando a risa como unha valiosa ferramenta terapéutica. Para iso, no devir deste taller, mestra e alumnos/as traballan con movemento expresivo, improvisacións, dinámicas lúdicas, ioga da risa, etc.