Os contos de Celso Fernández abren este venres ás 20 horas o ciclo de monólogos do Museo do Humor
Museo do Humor Noticias02-11-2017
A primeira sesión do "Novembro, mes do humor", organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña, estará chea de “contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea”, cun toque contemporáneo “para apalparlles que tamén son historias actuais e que non son pezas de museo”.
Así define o seu espectáculo o poeta e contacontos Celso Fernández, que subirá ao escenario do salón de actos da Casa da Cultura de Fene este venres, 3 de novembro. A función comezará a partir das oito, unha vez rematada a entrega dos Premios Curuxa 2017.
Todas as actuacións do ciclo “Novembro, mes do humor” serán os venres ás 20 horas. A entrada será de balde aínda que, como o aforo do salón de actos é limitado (120 persoas), as persoas que desexen asistir deberán recoller invitación (máximo dúas por persoa) o mesmo día do espectáculo a partir das18.30 horas na conserxería da Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces, 20-22, Fene). Ciclo recomendado para público adulto.
Logo desta primeira actuación, o “Novembro, mes do humor” continuará o venres 10 de novembro cun monólogo a cargo de David Noya.
CELSO FERNÁNDEZ
Celso Fernández Sanmartín, coñecido como Celsiño, é un poeta e contacontos nado en Lalín en 1969. Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, é o promotor de FoCuCu (Foro de Cultivos Culturais). Ademais, é autor de "Divagacións iú", "O tigre das cenorias", "Sen título", "Propiamente son captivo" ou "Fucsia, talladas, estampados, boca".
Celso Fernández comezou a contar contos hai 14 anos, a raíz dunha proposta da Casa da Xuventude de Santiago. De aí pasou a actuar en institutos, residencias, asociacións, teatros, etc. Poeta e compilador de historias de vida, Fernández cualifícase como «medio-xornaleiro» do conto, aínda que afirma que en cada contada tenta dar o mellor de si mesmo.
“Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e re-acomodándomas, coa intención de contalas de cara a distintos públicos.
Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecéndoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables
A miña devoción son as persoas maiores, culturalmente refeitas na oralidade. Entre elas hai moitas que son contadoras intuitivas e intelixentes e atentísimas a todo. Devoción polo vivo interese que poñen nas historias, nos contos e nas memorias que contan. Devoción porque saben “elaborar un momento”: A partir dunha miga de tempo que se preste ou inesperadamente. Aínda hai de momento, en calquera lugar a onde un vaia, persoas maiores que teñen a virtude de atraer a atención e mantela cunha(s) historia(s) pertinente(s) que, por acerto e valor específico, prenderá(n) entre os nosos recordos perennes, frescos coma da primeira hora.
Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que se poña de trapo, nin o corazón de pedra”.