O alcalde de Fene anuncia unha nova convocatoria dos Premios Curuxa para comezos do 2018
Museo do Humor NoticiasJuventino Trigo aproveitou a entrega de premios do Museo do Humor para reafirmar a aposta do goberno municipal por este certame de humor gráfico
04-11-2017
“A continuidade dos Premios Curuxa é garante en si mesma do futuro do Museo do Humor de Fene e, polo tanto, dun dos principais signos de identidade que ten este Concello”.
Con estas palabras, o alcalde de Fene avanzaba onte á tarde a próxima convocatoria dos Premios Curuxa, concurso de humor gráfico que organiza o Museo do Humor de Fene dende hai máis de dúas décadas “para premiar aos/ás mellores humoristas gráficos/as do país”. Juventino Trigo fixo este anuncio no marco da entrega de premios aos gañadores do certame na súa edición de 2017.
No acto que tivo lugar no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o primeiro rexedor fenés e mailo concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá, fixeron entrega dos diplomas e cheques aos artistas premiados este ano: Borja Ramón López Cotelo, “El primo Ramón” (1º premio Curuxa 2017), Andrés Meixide Gayoso (2º premio Curuxa 2017), Andrés Simal González (1º premio Curuxa Nova 2017) e Andrés Garrido Martín (2º premio Curuxa Nova 2017).
Previamente, os catro debuxantes foron recibidos por membros da Corporación Municipal na sala de exposicións temporais do museo onde se amosa –até finais do mes de novembro- a exposición dos premios Curuxa 2017, e onde tiveron oportunidade de asinar no libro de honra do Museo do Humor.
A entrega dos Premios Curuxa 2017 coincidiu este ano co comezo do “Novembro, mes do humor”, ciclo de monólogos organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña. O protagonista desta primeira sesión foi poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín.
Tras del, actuarán nas vindeiras semanas David Noya (10 de novembro), Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei (17 de novembro) e Pepe Capelán (24 de novembro).