Entrega de diplomas ás persoas participantes no obradoiro “Licenza para rir” promovido polo Concello de Fene
Museo do Humor Noticias30-05-2018
O obradoiro “Licenza para rir” celebrou no día de onte a súa última sesión do curso e, como peche, o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, fixéronlle entrega ós veciños e veciñas participantes do correspondente diploma acreditativo. Xunto a eles, estivo Clara González, técnica superior en Animación Cultural e encargada de impartir as sesións dende hai xa catro anos.
Foi en 2014 cando o Concello poñía en marcha esta iniciativa, convertíndose nun dos poucos municipios da comarca que conta con esta proposta de xeito estable e prolongado no marco da súa programación. Así, as sesións lévanse a cabo durante todo o curso, de outubro a maio, con periodicidade semanal. Precisamente, moitos dos 15 veciños e veciñas que participaron este ano levan repetindo curso tras curso.
Así mesmo, o obradoiro, promovido polo Concello de Fene no Museo do Humor, busca en cada edición coñecer e valorar as potencialidades terapéuticas e curativas da risa; fomentar a creatividade individual e grupal dende o lúdico; utilizar a risa como ferramenta favorecedora da comunicación e estímulo da creatividade ou axudar ó corpo e á mente a afrontar positivamente calquer situación de estrés, empregando a risa como ferramenta terapéutica.
Un obradoiro que, como sinalou a edil Rocío Bértoa, regresará o próximo curso para continuar sacando sorrisos á veciñanza