A Casa da Cultura acolle este mércores a presentación do catálogo da exposición "Cerámicas Pérez Porto"
Museo do Humor NoticiasO xenial ceramista estará acompañado no acto, que comezará ás 20 horas, polo editor Pedro Blanco e o alcalde de Fene, Gumersindo Galego
30-10-2018
Francisco Pérez Porto presentará este mércores, 31 de outubro, o catálogo da exposición "Cerámicas Pérez Porto". Será a partir das 20 horas na Casa da Cultura de Fene e no acto estará acompañado polo editor e xestor cultural Pedro Blanco Llano e polo alcalde de Fene, Gumersindo Galego. Trátase dun acto con entrada libre, ó que está convidada toda a veciñanza, que recibirá un exemplar do catálogo.
O catálogo da exposición "Cerámicas Pérez Porto", que puido visitarse no Museo do Humor entre o 21 de decembro de 2017 e o 28 de febreiro de 2018, foi editado pola Deputación da Coruña e, en palabras do seu presidente, Valentín González Formoso, "xorde como homenaxe a Francisco Pérez Porto, un dos artistas galegos máis versátiles e recoñecidos pola orixinalidade e do seu traballo como escultor e ceramista".
Pola súa parte, o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, salienta que "a cerámica de Francisco Pérez Porto bota raíces profundas nas tradicións galegas e, marabillosamente, elévaas por riba de territorios e fronteiras. Porque a súa obra fala o idioma universal, atemporal e que todo o mundo entende. A linguaxe das emocións. E a partir de aí, as pezas perden o seu corpo para evocar, inspirar, motivar, reflexionar... Dende unha perspectiva máis que propia e característica, única".
O catálogo inclúe textos de: Antón Cortizas, Lois Diéguez, Felipe Senén, Siro, Xaquín Marín, Mago Antón, Carme Romero. Tamén recupera vellos textos de diversos autores, referíndose á obra de Pérez Porto, como Isaac Díaz Pardo, Xosé Leira Domínguez, Xaquín Lorenzo ("Xocas"), Xavier Seoane, Andrés Varela, Xavier Alcalá, Suso Torres, Manuel María, X.L. Méndez Ferrín, Xosé Martínez Oca e Xosemaría Pérez Parallé.
Así mesmo, nesta obra amósanse fotografías das pezas que formaron parte da exposición "Cerámicas Pérez Porto", agrupadas en: pezas, esculturas, árbores, cadros, tubos e acuarelas.