A actriz Carmen Méndez trae ó Museo do Humor o seu monólogo Outras químicas A función celebrarase este venres, a partir das 20 horas

Museo do Humor   Noticias  

A entrada é gratuíta, previa retirada de convite na Casa da Cultura

A actriz galega Carmen Méndez será a próxima protagonista do ciclo de monólogos "Novembro, Mes do Humor" que promove a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa. Traerá ó Museo do Humor Fene o seu espectáculo Outras químicas este venres, 16 de novembro, a partir das 20 horas. A entrada é de balde pero con necesaria retirada de convite –dúas por persoa-, o mesmo venres a partir das 18,30 horas na conserxería da Casa da Cultura.


“Outras químicas” é unha confesión e unha terapia... de grupo. Segundo a propia actriz, era unha tola por controlalo todo e, aínda que buscou solución, a química xogoulle unha mala pasada, xa que se namorou dun pimpín. Para descubrir máis da historia, este venres cita con Carmen Méndez.


A actriz naceu en Neira de Rei (Lugo) e é enxeñeira química. Estudou inicialmente interpretación na escola Réplika Teatro, formándose máis recentemente con Fernando Piernas.


En cine ten participado na longametraxe Bad Investigate, da productora Lightbox Filmes e protagonizado Pelerinaxes, longametraxe documental dirixido por Simone Saibene que gañou ex-aequo o primeiro premio na sección Televisión no Festival de Cinema de Avanca (Portugal).


En televisión traballou durante sete tempadas na serie da TVG Pazo de Familia, personaxe polo que foi nominada en dúas ocasións ós Premios Mestre Mateo como Mellor Actriz de Reparto e acaba de participar en Serramoura.

A función, organizada polo Concello, conta coa colaboración da Deputación a través da Rede Cultural.