O Museo do Humor recibe do humorista gráfico Luis Davila catro obras orixinais
Museo do Humor Noticias24-11-2016
Luís Davila e o alcalde, Juventino Trigo, suscribiron un convenio de doazón de 4 debuxos de O bichero.
Luís Davila é un dos referentes actuais do humor gráfico en Galicia. Por dúas razóns. A primeira por ser unha auténtica máquina de retratar a realidade do país e a segunda por ser quen de facelo ao momento e multiplicando o seu efecto a través das redes sociais ou en sociedade ao vivo co humorista Carlos Blanco.
Davila conta con milleiros de fans que día a día seguen as súas tiras na prensa e no blog “O bichero” e por iso non é de estrañar que houbese tanta expectación ao redor da mostra do seu “Humor do país” que se puido ver no Museo do Humor entre os meses de outubro e novembro de 2016.
Concluída a mostra no Concello de Fene, Luís Davila e o alcalde, Juventino Trigo, suscribiron un convenio de doazón de 4 debuxos de O bichero, pasando éstes a formar parte dos fondos do Museo do Humor. Deste xeito tamén se lle deu a despedida a unha exitosa mostra coproducida polo propio museo e o autor.
A exposición recolle unha escolma da xenialidade gráfica de Davila organizada tematicamente: cuchipandas, o tempo, o viño, a morte, deportes, o mar, bicherío, etc., na mesma liña en que podemos velas no seu blog “O bichero”, onde hai publicados milleiros de viñetas estruturadas en case 300 categorías distintas.
E entre todas elas sempre hai un fío condutor: a xente do país reflexionando con atino sobre o que pasa a diario, sempre con mirada retranqueira e sempre co as para matar o tres. Personaxes como Dora, Tucho, Marselino, Chelo, Sinda ou Palmira son xa referentes culturais e creadores de opinión cos que Davila plasma no papel a maneira de ser, de sentir e de vivir que temos as galegas e galegos.
A mostra, promovida pola concellería de Cultura de Fene, complementouse coa proxección da serie completa de tiras cómicas animadas por Davila e emitidas no programa da TVG “A casa da Conexa”. Tamén incluíu un photocall onde quen quixo puido fotografarse na compaña de Dora e Tucho, quizais os personaxes máis populares do universo cotián debuxado por Davila.
Canda estes contidos, a exposición “Humor do país” contou cunha trintena de orixinais en lapis e tinta e a colección completa de libros do bichero, que encadernan boa parte das tiras publicadas polo autor en prensa e nas redes sociais.