Con entrada libre, o Museo do Humor acollerá esta tarde o acto, coincidindo coa inauguración da mostra “Premios Curuxa 2019”
Entrega dos premios do XXIII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene
Museo do Humor NoticiasO humorista David Perdomo porá o broche de ouro coa súa actuación
27-09-2019
O humorista David Perdomo
O Museo do Humor de Fene acollerá este venres 27 de setembro o acto de entrega dos premios da XXIII edición do Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene. Un acto con entrada libre que dará comezo ás 19 horas coa recepción ós/ás gañadores/as do certame, continuará coa inauguración da exposición “Premios Curuxa 2019” e, sobre as 20 horas, arrancará a entrega formal dos galardóns, concluíndo coa actuación do humorista David Perdomo.
Así mesmo, a partir deste venres, poderá visitarse unha exposición virtual con todos os traballos presentados aos Premios Curuxa 2019 na páxina web do Museo do Humor.
Un certame no que resultaba gañador do primeiro premio da Curuxa Gráfica (categoría para maiores de 25 anos) Asier Sanz Nieto e Javier Jareño López Cuervo merecía o primeiro premio da Curuxa Nova (de 16 a 25 anos). Así mesmo, Sandra Lodi e Beatriz Rodríguez Gregores alzábanse co segundo premio na categoría Gráfica e Nova respectivamente.
O xurado estivo integrado, amais de polo alcalde, pola concelleira Rocío Bértoa; a responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos, e polos humoristas gráficos José Antonio Rodríguez López, “Gogue”; Fernando Iglesias Mouta, “Kohel”, e Ana Martínez Fernández. Estes últimos, gañadores do certame en 2018.
O xurado valoraba o compromiso, a denuncia e o humor negro da obra de Asier Sanz Nieto, presentada baixo o título “Leo” e o título “Refugiados y migrantes”. Da obra de Sandra Lodi, titulada “Se tan bo é ha facer bo lume”, destacou como reflicte a diferenza de utilidade das cousas segundo as diferentes xeracións, conectando cunha certa tradición do humor gráfico galego.
En relación aos gañadores do Premio Curuxa Nova, o xurado destacaba do traballo de Javier Jareño López Cuervo, presentado baixo o título “Para sempre” e o lema “Carpe Diem”, a poética e mensaxe como representación naif do amor en tres fases, así como a sinxeleza do plano, plano fixo, sen necesidade de artificios. Da obra titulada “Brecha xeracional”, co lema “Greg Rodrik”, de Beatriz Rodríguez Gregores, o xurado salientou a sinxeleza do trazo, moi na liña “tintinesca”. Trátase dunha tira moi na liña da tira americana de prensa, cunha especie de recreación actual da Mafalda de Quino.
SOBRE A EXPOSICIÓN
A exposición coa selección dos traballos presentados ao certame poderá visitarse ata o 16 de novembro de luns a venres de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas e, os sábados, de 10 a 13 horas. A exposición consta de 45 debuxos. Amais dos traballos galardoados, amósase o debuxo finalista do certame, “Vigo Crismas Trí”, asinado por Joaquín Aldeguer López e David García Vivancos.
Completan a exposición, na categoría Curuxa, obras de: Sara Jornet, José Rubio Malagón, Juan José Barro Canedo, Antonio Amado Lorenzo, Sergio Ballester Redondo, Manuel Arriaga de León, Eduardo Pérez Baamonde, José Luis López Sánchez, José Mansilla Barreiro, Juan Jesús Sánchez Torres, María José González Cortizas, Juli Sanchís Aguado, Rodrigo Mattioli, David Vela Cervera, Alberto Cardona Valcárcel, Celia Rodríguez Marín, Félix González Fernández, Rafael Costarrosa Romero (“Kosta”), María Alcañiz Lorenzo, Pedro Saura Calahorro, Gonzalo Muñoz García, Hugo Covelo e Nico Campos, Goizane Herrera, Eduardo Manuel Gea Martínez, María Álvarez Hortas, Raúl Salguero Llorens, Ainhoa Rodríguez García de Cortázar, Joan Subirana Queralt, Alejandro Almau Taboada, Alejandro Viñuela Agra (“Jano”) e César Ordóñez Mirón.
E da categoría Curuxa Nova, as obras que se incluíron na exposición foron as de: Andrés Simal, Lucía Durán Carpintero, Juan Camilo Pino Garcés, Pedro Bouza Bernárdez, Miguel Bouzas Rodríguez, Marcelo Míguez Torres, Francisco Carmena Sánchez, Álvaro Xoan Vidal Pazos e Cristian Fojón Caruncho.
ACTUACIÓN DE DAVID PERDOMO
David Perdomo formouse en Casa Hamlet e na compañía Estragón, con quen fixo unha xira por toda España para posteriormente especializarse en humor e comedia da man de Manicómicos e Escola do Trinque. Durante dous anos viaxa a Avignon ata o Festival Internacional de Teatro para presentar traballos e aprender con personas do talle de Leo Bassi.
En 2009 crea con Alberto Castaño “S Koruño”, unha parodia da sociedade da Coruña coa que se constríu unha lexión de seguidores. Nos últimos anos labrouse un nome na televisión en programas tan exitosos como “Land Rober” e “Ecce Perdomo”, programa que voltou este verán á TVG. Ao longo dos anos, a experiencia persoal e profesional serviron de escola para que as súas actuacións estean cada vez máis cargadas de franqueza e espontaneidade. Sempre facendo sátiras da sociedade.