Aplicaranse protocolos hixiénico-sanitarios para garantir a seguridade tanto dos visitantes como dos traballadores da instalación
O centro funcionará nesta primeira etapa baixo o sistema de cita previa
05-06-2020
Xa hai data para a reapertura do Museo do Humor de Fene. Unha vez concluido o proceso de redacción, estudo e aprobación do correspondente protocolo e de adaptar a instalación para a nova “normalidade”, a Concellería de Cultura anuncia que será o vindeiro luns 15 de xuño. Tanto no caso do museo como da biblioteca municipal (que tamén reabre as súas portas nesa data), aplicaranse unha serie de medidas e cambios no funcionamento habitual dos servizos para garantir a seguridade de todas as persoas.
As persoas interesadas en visitar o Museo do Humor nesta nova etapa deberán solicitar cita previa por teléfono (981 341 415 ou 981 342 400), Whatsapp (607 625 357) ou correo electrónico (museodohumor@fenecidadan.gal), concretando cos responsables municipais unha data e hora para o desenvolvemento da mesma.
O horario de atención telefónica para a solicitude de cita previa será de luns a venres, de 9:30 a 14:30 horas, podendo solicitarse as visitas ao Museo do Humor para o seguinte horario: de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas.
Unha vez concretada a data da visita, a persoa deberá presentarse con puntualidade, comprometéndose ademáis a non exceder o tempo establecido para a duración da visita.
As visitas serán individuais, agás no caso de persoas que convivan na mesma unidade familiar ou unidade de convivencia análoga, que as poderán facer en grupo de non máis de 5 persoas (aconsellándose igualmente manter a distancia de seguridade interpersoal de dous metros entre elas). Polo de agora, non se realizarán visitas guiadas.
Para o desenvolvemento da visita, establecerase un circuito de sentido único que comezará na Sala dos Premios Curuxas e que concluirá na de Banda Deseñada para garantir, na medida do posible, o distanciamento social entre os visitantes e/ou cos traballadores que en determinado momento poidan ter que acceder a estes espazos. Ademais establecerase unha duración máxima do tempo para cada visita que non poderá exceder dos 90 minutos.
Segundo informan dende a Concellería de Cultura, en vísperas da visita, enviarase á persoa solicitante por correo-e ou por whatsapp un documento coas normas hixiénico-sanitarias preventivas a ter conta durante a visita ao Museo do Humor e con algunas explicacións (sobre a historia, organización do Museo, contidos das salas, etc) para facilitar o desenvolvemento da mesma.
Medidas de seguridade e hixiene
Dende a Concellería de Cultura infórmase de que, durante as últimas semanas, realizouse unha limpeza e desinfección intensiva da instalación e que, trala reapertura da mesma, reforzarase o servizo para garantir a seguridade de todas as persoas.
Ao acceder á Casa da Cultura, tanto para dirixirse á biblioteca municipal como ao Museo do Humor, facilitarase á veciñanza xel hidroalcohólico para a hixiene das mans. Lémbrase ademáis á veciñanza a obrigatoriedade do uso de mascarilla durante a súa estadía no recinto municipal.
Os usuarios ou visitantes deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade recomendada, tanto co persoal da Casa da Cultura coma cos outros posibles usuarios/as da biblioteca e/ou visitantes do museo.
Prohíbese tocar as estanterías, mesas, vitrinas, bancos, espellos e demais mobiliario da instalación.