O certame do Museo do Humor de Fene repartirá 5.000 € en premios
O Concello de Fene abre o prazo para participar no XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”
Museo do Humor Noticias09-06-2020
Trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia deste martes 9 de xuño, o Concello de Fene informa da apertura do prazo para presentar obras a unha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor. As persoas interesadas en participar, poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello (Praza do alcalde Ramón Souto González, s/n, Fene) até o vindeiro 10 de xullo.
Esta nova edición dos Premios Curuxa contempla dúas categorías: CURUXA, para maiores de 25 anos residentes no Estado español; e CURUXA-NOVA, para persoas de 16 a 25 anos residentes no Estado español (as persoas menores de 25 anos poderán participar na categoría xeral, CURUXA, extremo que implica a renuncia á categoría CURUXA-NOVA). Os/as participantes poderán presentar un só debuxo de temática libre, en formato: viñeta, tira ou cómic (máximo 1 páxina).
As obras presentadas a concurso deberán ser de creación propia e inédita e presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente (impresión de alta calidade). Non se admitirán fotocopias nin gravados e a dimensión máxima do debuxo será de 29,7x42 cms (A3).
Os traballos deberán estar redactados en galego ou en calquera das linguas oficiais do Estado (castelán, catalán, euskera) aínda que, neste caso, o/a autor/a deberá achegar xunto coa documentación requirida nas Bases, a tradución ao galego do texto do debuxo. Tamén se admiten traballos de humor mudo.
Segundo informa a Concellería de Cultura, unha vez realizado o debuxo, presentarase ou enviarase acompañado dun sobre pechado no que se introducirá toda a documentación requirida nas bases. Deste xeito, ningún dato persoal do/a autor/a poderá figurar á vista.
En canto aos premios, a Concellería de Cultura avanza que se mantén a contía dos mesmo con respecto ás edicións anteriores. Así, o/a gañador/a do 1º premio categoría CURUXA recibirá 2.000 € e diploma, e o/a gañador do 2º premio CURUXA recibirá 1.500 € e diploma. Para os/as autores noveis, os premios serán de 1.000 € e 500 € e diploma para os/as gañadores do 1º e 2º premio CURUXA NOVA. . Os importes dos premios estarán suxeitos aos impostos e retencións legais que lle sexan de aplicación.
A presentación de traballos a concurso implica a autorización expresa ao Museo do Humor do Concello de Fene a utilizar estas imaxes a efectos expositivos, no propio Museo e/ou noutras instalacións do termo municipal así como na páxina web municipal. A exposición do XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor 2020” realizarase durante o último trimestre do ano 2020.
Os traballos premiados quedarán en propiedade do Concello de Fene, pasando a formar parte da súa colección no Museo do Humor. Para os traballos non premiados, o Museo do Humor comprométese á súa devolución sempre que así se solicite expresamente. A devolución de orixinais hase efectuar a partir do mes de xaneiro de 2021.
Bases completas da convocatoria na web municipal do Concello de Fene www.fene.gal ou no B.O.P. do martes 9 de xuño de 2020.
Para consultar calquera cuestión sobre o concurso ou resolver dúbidas, pódese chamar ao 981 342 400 ou enviar un correo electrónico a museodohumor@gmail.com