Por cuarto ano consecutivo, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial apostan polo humor, polo cómic e polo talento da xente nova
A entrega de premios do IV concurso Demo Pequeno reuniu onte en Fene ás futuras promesas da banda deseñada
Museo do Humor Noticias30-06-2026
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, o director de Demo Editorial, Manel Cráneo, e os debuxantes e membros do xurado Paula Esteban e Alberto Taracido, foron os encargados de entregar este luns na Casa da Cultura de Fene os diplomas e agasallos aos gañadores do Concurso de Banda Deseñada de Humor Demo Pequeno. O acto desenvolveuse na sala de exposicións temporais onde xa se pode ver a mostra do certame cunha selección das obras presentadas a concurso. Pero, amais da exposición física, desde onte pódese visitar na web do Museo do Humor Xaquín Marín a galería virtual do certame.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, felicitou aos premiados e animounos a continuar debuxando, salientando ademais que Fene é un Concello que aposta pola cultura e pola arte. Pola súa banda, o director de Demo Editorial e presidente do xurado, Manuel Cráneo, salientou que nunha profesión copada maioritariamente por homes, foi unha sorpresa agradable descubrir que a maioría dos premios deste concurso de banda deseñada infantil e xuvenil recaeron este ano en rapazas.
Na categoría Infantil (de 8 a 11 anos), Inés Bravo Rodríguez foi a gañadora do 1º premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma, pola obra titulada Dinos na lúa. O xurado valorou desta obra o enfoque da historia, abordando o cambio climático desde unha perspectiva doméstica e familiar (levando o cotidiano a outro mundo que segue a ser o noso). Tamén salientou a composición e a linguaxe das viñetas.
O 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma, foi para a obra sen título de Enma Rodríguez Grueiro. O xurado valorou o deseño e a expresividade de personaxes; a claridade coa que aborda o tema; a composición de páxina e como está distribuída a información ao redor da viñeta central; e a capacidade de síntese visual, contando a historia practicamente sen texto.
Na categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos), Diego Noguerol Feijóo foi o gañador do 1º premio cunha bd titulada “O negacionista” pola que acadou: 150 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma. O xurado valorou a excelente capacidade narrativa e o manexo dos tempos do autor; o equilibrio entre guión e debuxo; a técnica de rotulación, entintado e cor e a limpeza no acabado. Tamén salientou o interese pola memoria, con referencias ao afundimento do Prestige; e os diálogos da historia nos que demostra a súa capacidade de síntese.
E o 2º premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 € e diploma, foi para a obra titulada Polar na Venecia de Carlota Arias Busto. O xurado valorou a plástica e a técnica do debuxo; a composión, o trazo e o deseño de perxonaxes e, en xeral, o manexo da linguaxe do cómic. Tamén salientou o toque positivista da historia que é complicado para o tema que aborda.
Por último, entregáronse as dúas mencións de honra outorgadas polo xurado na categoría xuvenil a: Paula Pérez Díaz, por Barbacoa sideral, e Valeria Rodríguez García, por Sequía.

_8_ANOS_page_0001.jpg)
_11_ANOS_2INFANTIL.jpg)
_13_ANOS_1XUVENIL_2026.jpg)
_16_ANOS_2XUVENIL_2026.jpg)
_13_ANOS_MHXUVENIL_2026.jpg)
_14_ANOS_MHXUVENIL_2026.jpg)