Tamén foron recoñecidos cunha Mención de Honra os traballos presentados por Antonio Sabín, Tonisavski, Sebastià Martí, Roberto Bianchi e Iván Mata

Juan Gabriel Benavides, Juli Sanchís, Anxo Iglesias e Matías Tolsá son os gañadores dos XXX Premios Curuxa do Humor

Museo do Humor   Noticias  

Na xuntanza celebrada este mediodía no Museo do Humor Xaquín Marín, o xurado do XXX Concurso de Humor Gráfico e Caricatura Curuxa do Humor acordou outorgar a Juan Gabriel Benavides o 1º premio Curuxa, a Juli Sanchís, Harca, o 2º premio Curuxa; a Anxo Iglesias o 1º premio Curuxa Nova e a Matías Tolsá o premio da categoría Caricatura. Ademais, recibiron mención de honra no certame Antonio Sabín Anca, Tonisavski, e Sebastià Martí Benedí (na categoría Curuxa); e Roberto Bianchi e Iván Mata Tamayo (na categoría Caricatura)

O xurado estivo formado polos humoristas gráficos Xaquín Marín, Luís Davila e Carlos López (Pinto&Chinto), completándose coa responsable do museo fenés, Almudena Marcos, que actuou en calidade de secretaria do concurso.

O gañador do 1º Premio Curuxa 2026, Juan Gabriel Benavides presentou ao certame un debuxo titulado Habitación. O xurado valorou desta obra “a orixinalidade da idea e o contraste entre épocas, mesturando a popular habitación de Van Gogh de finais do século XIX coa época actual na que se mercan mobles que veñen desmontados e que arma o propio usuario. Tamén salientou “o feito de empregar unha obra mestra da arte como elemento humorístico, o tratamento artístico da obra, a elegancia da imaxe, o humor fino e sutil e que xoga co contraste dunha maneira eficaz... mestura que esperta un sorriso no espectador”. O premio está dotado con 2.000 € e diploma.

Nesta edición, o 2º Premio Curuxa, dotado con 1000 € e diploma, foi para Juli Sanchís Aguado, Harca, pola obra titulada Menú completo da que salientou o xurado “que é un gag moi visual, sorprendente e expresivo cunha lectura principal e varias secundarias; o sentido do humor e a atemporalidade do tema”. Tamén salientou “a sinxeleza do debuxo e o trazo que acompaña moi ben a idea”.

Asemade, o xurado acordou outorgar mencións de honra na categoría CURUXA, con diploma pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Antonio Sabín Anca (Tonisavski), co título Quen leva o do butano, e Sebastià Martí Benedí, con título Aiaiai.

O 1º Premio Curuxa Nova -dotado con 500 € e diploma- foi nesta edición para Anxo Iglesias Martínez polo debuxo titulado Prohibido cans. Na súa análise, o xurado valorou “o gag humorístico e a capacidade de transmitir unha idea cunha imaxe sen texto que é unha das cousas máis difíciles do humor gráfico”. Tamén salientou “a mensaxe crítica e que transmite unha idea de fondo, facéndonos reflexionar sobre unha cuestión de actualidade”.

Por último, recibe o Premio na categoría Caricatura -dotado con 1.500 euros e diploma- o traballo presentado co título J.M. Aznar, de Matías Tolsá Montedoro. O xurado valorou “que capta con mestría os rasgos físicos, deixando traslucir tamén a psicoloxía do personaxe caricaturizado”. Tamén salientou “a economia de elementos e o excelente emprego das texturas e da gama cromática”.

Asemade, o xurado acordou outorgar mencións de honra na categoría CARICATURA, con diploma pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Roberto Bianchi, co título “Po” Oliver Laxe, e Iván Mata Tamayo, co título Valle Inclán.

Organizados pola Concellería de Cultura de Fene, os Premios Curuxa do Museo do Humor Xaquín Marín buscan recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos e caricaturistas do momento, tanto galegos coma de calquera recuncho do Estado, ademais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor Xaquín Marín, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, avanzou esta mañá que no último trimestre do ano o Museo do Humor Xaquín Marín acollerá unha exposición cunha selección dos traballos que concorreron á convocatoria. Ademais, na web do Museo (http://museodohumor.fene.gal) habilitarase nesas datas unha galería virtual con todas as obras presentadas ao concurso este ano.