O mesmo día comeza o ciclo de monólogos Novembro, mes do humor no que tomarán parte Quico Cadaval, Marita Martínez, Leti da Taberna e Migallas Teatro

O Museo do Humor Xaquín Marín entrega este venres os Premios Curuxa 2026

Museo do Humor   Noticias  

Coa entrega dos premios Curuxa do Humor 2026, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 6 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Juan Gabriel Benavides, Juli Sanchís, Anxo Iglesias e Matías Tolsá recibirán os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, os representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.

O xurado do XXX Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, reunido o pasado 15 de xullo nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín, acordou por maioría outorgar a Juan Gabriel Benavides o 1º premio Curuxa e a Juli Sanchís Aguado, “Harca”, o 2º premio Curuxa; a Anxo Iglesias Martínez o premio Curuxa Nova e a Matías Tolsà Montedoro o premio da categoría Caricatura. Ademais, recibiron mención de honra no certame Antonio Sabín Anca, “Tonisavski” e Sebastià Martí Benedí (categoría Curuxa); e Roberto Bianchi e Iván Mata Tamayo (categoría Caricatura).

O gañador do 1º Premio Curuxa 2026, Juan Gabriel Benavides, presentou ao certame un debuxo titulado Habitación. O xurado valorou desta obra “a orixinalidade da idea e o contraste entre épocas, mesturando a popular habitación de Van Gogh de finais do século XIX coa época actual na que se mercan mobles que veñen desmontados e que arma o propio usuario. Tamén salientou “o feito de empregar unha obra mestra da arte como elemento humorístico, o tratamento artístico da obra, a elegancia da imaxe, o humor fino e sutil e que xoga co contraste dunha maneira eficaz... mestura que esperta un sorriso no espectador”. .

Nesta edición, o 2º Premio Curuxa foi para Juli Sanchís Aguado, “Harca”, pola obra titulada Menú completo da que salientou o xurado “que é un gag moi visual, sorprendente e expresivo cunha lectura principal e varias secundarias; o sentido do humor e a atemporalidade do tema”. Tamén salientou “a sinxeleza do debuxo e o trazo que acompaña moi ben a idea”.

O 1º Premio Curuxa Nova foi nesta edición para Anxo Iglesias Martínez polo debuxo titulado Prohibidos cans. Na súa análise, o xurado valorou “o gag humorístico e a capacidade de transmitir unha idea cunha imaxe sen texto que é unha das cousas máis difíciles do humor gráfico”. Tamén salientou “a mensaxe crítica e que transmite unha idea de fondo, facéndonos reflexionar sobre unha cuestión de actualidade”.

Por último, recibe o Premio na categoría Caricatura o traballo presentado co título J.M. Aznar, de Matías Tolsá Montedoro. O xurado valorou “que capta con mestría os rasgos físicos, deixando traslucir tamén a psicoloxía do personaxe caricaturizado”. Tamén salientou “a economia de elementos e o excelente emprego das texturas e da gama cromática”.

Segundo informa a Concellería de Cultura de Fene, os premios para os gañadores dos Premios Curuxa consistirán nun diploma e nunha gratificación económica que ascende a 2000 € para o gañador do primeiro premio Curuxa; 1000 € para o gañador do segundo premio Curuxa; 1500€ para o gañador na categoría de Caricatura; e 500 € para o do primeiro premio Curuxa Nova .

Tamén reciben mención de honra, con diploma pero sen dotación económica, os autores Antonio Sabín Anca, “Tonisavski” e Sebastià Martí Benedí (categoría Curuxa); e Roberto Bianchi e Iván Mata Tamayo (categoría Caricatura).

O xurado dos Premios Curuxa 2026 estivo formado polos humoristas gráficos Xaquín Marín, Luís Davila e Carlos López, e completouse coa responsable do museo fenés, Almudena Marcos que actuou en calidade de secretaria do concurso.


NOVEMBRO, MES DO HUMOR

O acto de entrega dos Premios Curuxa 2026 coincidirá este venres, 6 de novembro, co comezo do ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” que inclúe, como en edicións anteriores, catro espectáculos para público adulto, os venres do mes de novembro ás 20.00 horas. A entrada, tanto para a entrega dos Premios Curuxa como para os monólogos, será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) cada venres, o mesmo día da función, a partir das 19 horas. Aforo limitado.

A primeira actuación do “Novembro, mes do humor” correrá a cargo do monologuista Quico Cadaval cun espectáculo titulado 30 anos a contar historias. Na segunda sesión, prevista para o venres 13 de novembro, actuará a humorista Marita Martínez, presentando “Contadiña” e na terceira, o 20 de novembro, subirá ao escenario da Casa da Cultura de Fene Leti da Taberna con “Jastac Japi Jolidais”. O ciclo pechará o venres 27 de novembro cun monólogo a cargo de Migallas Teatro, titulado “Falemos como galegas”.