O Concello de Fene abre a inscrición para os bautismos de mergullo para nenos, adultos e persoas con diversidade funcional

O Concello de Fene abre a inscrición para os bautismos de mergullo para nenos, adultos e persoas con diversidade funcional

As persoas interesadas no programa deben presentar a súa solicitude a partir do luns, 7 de maio, no pavillón polideportivo da Xunqueira

No caso dos bautismos de mergullo adaptado, este ano amplíanse as prazas das 6 ás oito. Terán a piscina municipal de Centieiras como escenario e levaranse a cabo os sábados 9 e 16 de xuño de 17 a 19 horas. Nestas xornadas poden participar persoas con calquer tipo de discapacidade, xa que se realizan adaptacións no material, técnicas e de loxística para poder practicar o mergullo coa máxima seguridade. Así mesmo, son impartidas por mergulladores certificados e con adestramento específico para mergullarse con persoas con diversidade funcional. Entre as actividades propostas, aprenderase a utilización do equipo lixeiro, a forma de respiración axeitada, respiración, normas básicas de seguridade, sinais submariñas ou xogos adaptados. O prazo para anotarse conclúe o 6 de xuño e a cota a pagar é de 6,25 euros.

No tocante ós bautismos de mergullo infantil, están dirixidos a nenos e nenas de 10 a 16 anos e son gratuítos. Hai 12 prazas e desenvolveranse na piscina municipal o 23 de xuño de 17 a 18 horas. Os requisitos para poder participar? Saber nadar e contar con permiso paterno. O prazo de inscrición pecharase o 20 de xuño.

E, sobre os bautismos de mergullo para persoas adultas (a partir de 16 anos incluídos), ofértanse 12 prazas para o sábado 23 e o domingo 24 de xuño. Na primeira xornada, na piscina municipal de Centieiras de 18 a 20 h, e o domingo, na praia de Chanteiro de 10 a 13 horas, en dous grupos de hora e media. Neste último caso, a actividade celebrarase sempre e cando as condicións do mar o permitan e en caso contrario cambiarase a data. Das prazas ofertadas nesta xornada, tres reservaranse para persoas que tomaran parte nos bautismos de mergullo adaptado. A cota a abonar é de 6,25 euros e o prazo de inscrición tamén remata o 20 de xuño.

Por último, sinalar que os mozos e mozas de 16 anos poden optar á modalidade infantil e tamén á dirixida a adultos sempre e cando conten con permiso paterno.

En todos os casos, a organización proporcionará todo o material deportivo necesario, incluídos os traxes de neopreno para o mar.

Descargas