Exposición do X Premio de Banda Deseñada "Castelao" no Museo do Humor de Fene
Museo do Humor Dixomedíxomes07-07-2017
A exposición poderá visitarse até o mércores 26 de xullo en horario: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas, e os luns, mércores e venres, de 17.00 a 21.00 horas.
Coa obra titulada "A carreta do diaño", o ilustrador e debuxante Fernando Llorente foi o gañador da décima edición (2015) do Premio Castelao de Banda Deseñada que convoca a Deputación da Coruña.
O xurado do premio -composto por Miguel Anxo Prado, Ana Miralle e Keko Godoy, xunto co deputado responsable da área de Cultura, Xosé Regueira (presidente)- salientou a “madurez tanto gráfica como do guión, cunha unidade de estilo perfectamente axustada á historia que conta”. O autor amosa, continuaba o fallo, “un fino e ocorrente sentido do humor a través de situacións e diálogos divertidos, solidamente estruturados e planificados e cuns personaxes moi eficaces e ben definidos".
Fernando Llorente naceu en 1954 en Las Palmas de Gran Canaria mais leva tempo residindo en Galicia. É membro do Estudio Baobab da Coruña e, como ilustrador, traballa de maneira especial no mundo editorial, entre outras actividades.
Con esta obra, Fernando Llorente pasou a formar parte dunha listaxe de gañadores que iniciou David Rubín en 2005 e da que forman parte autores como Antonio Seijas, Jacobo Fernández, Mariano Casas, Daniel Montero, Brais Rodríguez, Iván Suárez e Ignacio Vilariño, Fran Bueno e Kiko Dasilva.