Éxito de convocatoria con 86 debuxos presentados ó Concurso Curuxa do Humor
Museo do Humor DixomedíxomesA concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, destaca a cifra, que se incrementa notablemente respecto á edición de 2017
13-06-2018
A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá que, unha vez finalizado o prazo de presentación de debuxos para o XXII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, serán 86 traballos os que compitan polos máximos galardóns. Unha cifra que a edil valorou moi positivamente, xa que a participación incrementouse notablemente con respecto ó 2017, cando foron en torno a 60 os traballos presentados. Así mesmo, en torno a un 60% dos debuxos corresponden á categoría Curuxa (maiores de 25 anos) e o 40% restante, á categoría Curuxa Nova (menores de 25).
Deste xeito, o vindeiro 29 de xuño, ás 12 horas, reunirase o xurado e darase a coñecer o fallo a través da web municipal e medios. Nesta ocasión, o xurado estará presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e integrado pola concelleira Rocío Bértoa; a responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos; a secretaria municipal ou traballador/a en quen delegue (en calidade de secretaria/o do xurado), e polos humoristas gráficos Borja Ramón López Cotelo (gañador do 1º Premio Categoría Curuxa 2017); Andrés Simal González (gañador do 1º Premio Categoría Curuxa Nova 2017) e Kiko Da Silva.
De seguido, achegamos un breve currículum de cada un deles:
Borja Ramón López Cotelo, "El primo Ramón". Arquitecto pola ETSAC (2008) e doutor en Expresión Gráfica (UDC) dende 2013. Comezou a súa colaboración como ilustrador en publicacións do eido da arquitectura (Bartlebooth magazine e Veredes). En 2015 veu a luz o seu primeiro libro ilustrado, “As cousas que importan”, da man da editorial Bululú. Nos últimos tempos desenvolveu a súa actividade editorial máis vencellado ao mercado anglosaxón (Pearson, Usborne, Capstone, etc.).
Andrés Simal González. Estudante. Malia súa curta idade, en 2016 gañou o concurso de caricatura Álvaro Cebreiro para menores de 18 anos, convocado polo Club de Prensa de Ferrol.
Kiko Da Silva. Ós 17 anos concedéronlle o premio Ourense de Banda Deseñada ó mellor autor afeccionado. Licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo, na facultade de Pontevedra. En 2002 comezou a publicar a serie Fiz nos biosbardos no semanario infantil Golfiño, distribuído por La Voz de Galicia e dirixido ó público infantil. Dirixiu a revista semestral BD Banda, amais de publicar nela algunhas das súas historietas. A publicación naceu promovida polo propio Da Silva e Cano Paz. En 2007 a publicación profesionalizouse coa colaboración da Editorial Kalandraka, sendo relanzada cun novo número un e distribución estatal cunha dobre edición en galego e castelán.
Participou na revista de historietas infantís Mister K con dúas series fixas: "Clases con guasa" (peripecias de Guasa, un estudante lacazán e non moi intelixente) e "TurisTeo" (relacionada co mundo das viaxes e con Teo como "presentador" da serie). Logo de colaborar nesta publicación, pasou a publicar de xeito esporádico en El Jueves, co personaxe Emilio Eurista.
Dirixiu a revista cómica Retranca e colaborou habitualmente con La Voz de Galicia nas edicións locais de Pontevedra e Vigo, amais de ilustrar os monólogos de Rober Bodegas. No sector da literatura infantil, iniciouse en 1996 co libro “Laia, a nena da illa” (Xerais) ó que seguiu en 1998 co libro de Dolores Rial Fernández “O cumpreanos do rei Pericón” (Ir Indo) ou “O pirata Xocas” (Ir Indo). Posteriormente ilustrou varios libros para a editorial Kalandraka: “A memoria das árbores” (2000), “Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis” (2000), de Chema Heras, “Moncho e a mancha” (2002, escrito por el mesmo) ou “Rato de Campo e rato de cidade” (2004). Tamén publicou “Que contan as ovellas para durmir” (Galaxia, 2007).
No 2012 fundou a primeira Escola Profesional de Banda Deseñada e ilustración de Galicia, coñecida como O Garaxe Hermético, na que traballa como mestre. Dende 2013 ocupouse da sección de cómic de “Oink”, a revista do Xabarín Club (Premio Ourense de Banda Deseñada á mellor iniciativa 2013).
No 2014 acadou o Premio de Banda Deseñada Castelao pola inusual obra “El infierno del dibujante”, editada en galego pola Deputación da Coruña e en castelán pola editorial Dibbuks.
En agosto de 2017 foi convidado no XX Festival Internacional “Viñetas desde o Atlántico”, na Coruña, onde fixo unha exposición cunha sorprendente montaxe, sobre toda a súa traxectoria no cómic e na ilustración. Nesas mesmas datas foi o encargado de facer a portada do suplemento Babelia, do xornal El País, sobre o Século de Ouro do cómic español.
Nos últimos tempos continúa inmerso na producción da súa próxima novela gráfica, Bajo la sombra de las piedras flotantes, amais de encabezar proxectos como Castelao, alma galega (en colaboración cun equipo formado por cinco dos seus alumnos máis aventaxados no que adaptaron ó cómic sete relatos da obra literaria do ilustre Castelao)
Ademáis, en xullo de 2018 sairá do prelo a revista trimestral de banda deseñada galega A viñeta de Schrödinger, dirixida por Kiko da Silva e con historietas autoconclusivas de autores como Miguelanxo Prado, Kohell, Miguel Porto, Aldara Joan Casaramona, Fonso Barreiro, Zaida Novoa, Miriam Iglesias, Pablo Prado, Fran Bueno, Miguel Rojo, Víctor Rivas, Antonio M. Fraga, Fernando Lloro u Miguel Robledo.