Os artistas Manuel Barro e Rafael Nadales presentan en Fene os seus “Contrastes”
Museo do Humor Dixomedíxomes05-09-2018
Aínda que en principio o prestixioso pintor e escultor Rafael Nadales ía a tomar a palabra en representación do seu compañeiro, o tamén reputado pintor Manuel Barro, e na súa propia, finalmente quixo cederlla a Barro tras sinalar escuetamente que era “un gran pintor e sobre todo un gran amigo”. Acto seguido, os dous dábanse un abrazo.
A escena tiña lugar este martes na Casa da Cultura de Fene, no acto de inauguración da exposición “Contrastes”, que reúne unha selección das mellores obras pictóricas de Barro e Nadales e tamén esculturas do segundo.
No mesmo, Barro aproveitaba a súa intervención para agradecer ó Concello de Fene e ó persoal do departamento municipal de Cultura as facilidades dadas para a montaxe da exposición e ó público a súa asistencia, ó tempo que mostraba a súa confianza en que este disfrutase coa mostra.
Para o alcalde, Gumersindo Galego, que presidiu o acto, é unha honra contar con esta exposición e lembrou que é a segunda vez que os dous artistas amosan as súas creacións de forma conxunta en Fene, tras unha exposición previa en 2014. Animou tamén á veciñanza a achegarse ata as instalacións municipais e admirar obras únicas e características, dunha autoría facilmente recoñecible.
Así mesmo, Almudena Marcos, encargada de presentar o acto, destacou que Contrastes reflicte a intensidade, o colorido, a orixinalidade e a forza creativa das pinturas e esculturas de Rafael Nadales e revela a delicadeza das mariñas, a fermosura das paisaxes e bodegóns e a delicadeza dos retratos de Manuel Barro.
A mostra permanecerá no centro cultural ata o día 28. De luns a venres de 10 a 14,15 horas ata o 11 de setembro e, a partir de entón, de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 21 h e os sábados de 10 a 13 h. A entrada é de balde.