No mesmo acto, que principiará ás 20 horas con entrada libre, o escritor e xornalista Félix Caballero Wangüemert presentará a súa obra X. Marín. Arte e compromiso no humor gráfico galego
21-09-2018
O Museo do Humor de Fene, a segunda casa de Xaquín Marín, será escenario este luns, 24 de setembro, do acto de presentación da súa última publicación, Tonecho, pero tamén da obra X. Marín. Arte e compromiso no humor gráfico galego, de Félix Caballero Wangüemert, un libro definitivo sobre un dos artistas galegos fundamentais da historia de Galicia. Con entrada libre, o acto dará comezo ás 20 horas e, nel, Marín e Caballero estarán acompañados polo director de Galaxia, Francisco Castro, e polo alcalde de Fene, Gumersindo Galego.
Xaquín Marín presentará a colección completa de Tonecho, o mítico personaxe creado polo non menos mítico debuxante. Dende as páxinas da inesquecible revista Golfiño (2000-2004), que educou visualmente varias xeracións de galegas e galegos, e onde traballaban os máis grandes do humor gráfico de Nós, Tonecho aparecía como unha voz cargada de retranca, inxenua, mais de profunda sabedoría, e moita crítica. Na edición que se presentará en Fene, a Editorial Galaxia recupera este traballo dun Xaquín Marín pletórico nun instante crucial da súa carreira.
Pola súa banda, a obra do xornalista e escritor Félix Caballero revisa, estuda e analiza a impresionante obra gráfica de Xaquín Marín, un dos artistas máis importantes do noso tempo que dende hai décadas leva exercendo un constante e comprometido labor centrado na arte plástica dende moitos puntos de vista.
Coñecido polo gran público como humorista gráfico, a súa biografía de artista agocha moitas dimensións. Polifacético, politicamente entregado á causa galega e á defensa dos dereitos humanos, quen se achegue a esta obra descubrirá un home do seu tempo que nunca se agocha, que sempre puxo o seu pincel e a súa mirada crítica ó servizo dunha maneira de ollar e de sentir que o fai merecente, como poucos, do título de bo e xeneroso.