Visita dos usuarios do centro ocupacional de Aspaneps á exposición Pinto&Chinto. 25 anos que acolle o Museo do Humor

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Convertíronse nuns dos primeiros visitantes da mostra, trala inauguración celebrada o pasado venres

Usuarios e usuarias do centro ocupacional de Aspaneps - Asociación de pais de nenos con problemas psicosociais- realizaron o pasado luns unha visita ó Museo do Humor para disfrutar da exposición Pinto&Chinto. 25 anos. Unha mostra sobre a obra de dous dos maiores referentes do humor gráfico galego que se inauguraba o pasado venres e que constrúe un percorrido sobre a producción gráfica periodística de Pinto e Chinto –David Pintor e Carlos López- a través dunha reinterpretación da impresión rotativa.


Producida polo Museo do Humor, o deseño e realización da mesma correu a cargo da empresa Costa Comunicación Visual e poderá visitarse ata o vindeiro 31 de decembro. A partir do venres, e ata o 23 de decembro, a mostra poderá visitarse de luns a venres de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, namentras que os sábados estará a disposición do público de 10 a 13 horas. Ese horario, coincidindo coa época de Nadal, modificarase do 24 ó 31 de decembro, cando estará aberta de luns a venres de 10 a 14,15 horas.


Cunha traxectoria dun cuarto de século no humor gráfico, Pinto&Chinto son un auténtico referente do humor gráfico galego e a súa obra, un testemuño do acontecido en Galicia, España e o mundo nos últimos anos. Un traballo que, sen dúbida, se ten convertido en elemento clave do xornalismo. Agora, o Museo do Humor de Fene brinda ó público unha oportunidade única para achegarse a el.