Manuel Ángel Méndez Bellón inaugura en Fene a mostra “Galician Metal Retranca”

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Poderá visitarse dende este sábado e ata finais de mes na Casa da Cultura

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura inaugura este sábado exposición. Trátase da mostra “Galician Metal Retranca”, do escultor Manuel Ángel Méndez Bellón. Ao redor de 25 figuras realizadas en ferro moldeado e soldado (chapas, tubos, varillas) -e combinado en ocasións con madeira, pedra, cristal, etc.- compoñen a exposición do escultor naronés, unha mostra coa que se pretenden “espertar sorrisos con algo aparentemente tan serio coma o ferro e con situacións disparatadas e surrealistas que, en realidade, son máis común do que pensamos…e por iso nos fan gracia”, segundo apunta o creador. Malia todo, tras esa primeira impresión cómica e irónica que adoitan espertar as súas pezas, Manuel Ángel Méndez Bellón procura que se aprecie o traballo constante e serio que cada unha delas ten detrás.


Engade Méndez Bellón que “o meu obxectivo con esta exposición é facer ver que os dous mundos que levo dentro e que aparentemente son distintos coma o traballo técnico e serio do metal e, por outro, o noso característico e único senso do humor galego, poden combinarse e complementarse perfectamente e facernos pasar un bo rato, sacándonos un sorriso. Pretendo que, ao sacar ese sorriso se valore tamén o traballo serio de elaboración que hai tras cada peza”.
Poderá visitarse ata o 27 de febreiro de luns a venres en horario de mañá –de 10 a 13 h- e de tarde –de 16 a 21 h- e os sábados de 10 a 13 h.