O xurado do XXIV Concurso de humor gráfico “Curuxa do Humor” reúnese este mércores
Museo do Humor Dixomedíxomes20-07-2020
O humorista gráfico Luís Davila, “O bichero”, xunto coa gañadora do 2º premio Curuxa 2019, Sandra Lodi, e o do 1º premio Curuxa Nova 2019, Javier Jareño López Cuervo, son os debuxantes convidados que formarán parte este ano do xurado dos Premios Curuxa 2020, convocados polo Concello de Fene (Museo do Humor). Tal e como se establece nas bases do certame, o xurado estará presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo e -xunto cos tres artistas convidados- formarán parte do mesmo o concelleiro de Cultura, Justo Ardá e a coordinadora do Museo do Humor, Almudena Marcos (que actuará como secretaria). Trala xuntanza, que terá lugar este mércores ás 12.00 horas no Museo do Humor, o Concello de Fene dará a coñecer o nome dos/as gañadores/as do certame este ano.
LUIS DAVILA
Pontevedra, 1972. Deseñador gráfico, ilustrador e viñetista galego. Aínda que naceu en Pontevedra, a súa historia está vencellada directamente ao municipio de Bueu onde desenvolveu a súa infancia e boa parte da súa vida. De feito, considérase “morrasseiro ate a médula espiñal”.
Deseñador gráfico pola escola de Artes e Oficios Pablo Picasso de A Coruña, Davila é responsable dun bo número de sorrisos diarios a través das súas tiras de humor de O BICHERO e O FOTOMATÓN no xornal Faro de Vigo. Comezou traballando no xornal facendo infografías, portadas de suplementos, deseño de páxinas interiores e ilustracións, para pasar logo a facer unha viñeta diaria no mesmo.
Ten autoeditado varios volumes nos que se compilan os seus mellores debuxos cómicos.
- O Bichero I, 2014. ISBN 978-84-617-1501-5.
- O Bichero II. Outra ronda!, 2014. ISBN 978-84-617-1504-6.
- O Bichero III. Non hai dous sen tres!, 2014. ISBN 978-84-617-1505-3.
- O Bichero IV. Menudo día, 2014. ISBN 978-84-608-1999-8.
- O Bichero V. Living a vida loca, 2015. ISBN 978-84-606-7418-4.
- O Bichero VI. Ti sacha!, 2016. ISBN 978-84-608-7545-1.
- O Bichero VII. De punta a chicote, 2017. ISBN 978-84-697-7050-4.
- O Bichero VIII. Pasa pa corte!, 2018. ISBN 978-84-09-06374-1.
- Faro de Vigo. Ilustrando as historias do noso día a día. O Bichero 20 anos, 2018.
Canda o actor Carlos Blanco Vila, fixo os espectáculos Menú do día e Menú da noite.[5]
- Entre os premios e recoñecementos que ten acadado salientan:
Premio San Martiño de normalización lingüística (2014), convocado pola Asociación Cultural O Brado da Estrada. - Premio Xoán Manuel Pintos ao compromiso coa lingua na 6ª ed. (2016), convocado polo Concello de Pontevedra e a Rede Amiga da Lingua (REAL).[6]
- Varias edicións do Premio Fervenzas Literarias.
SANDRA LODI
Lugo, 1990. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca. Durante a súa formación tivo ocasión de coñecer o método de produción creativa da Academia de Brera, en Milán (Italia). O seu interese polo cine, a animación e o mundo dixital fixeron que realizara estudos de postgrao en 3D, adentrándose tamén no mundo do deseño gráfico, a composición con vídeo e a animación 2D. No ano 2016 foi incluída na revista Afán Afán de artistas emerxentes. Na actualidade traballa como deseñadora gráfica en Santiago de Compostela e, no seu tempo libre, continúa a traballar no eido da ilustración e a banda deseñada. Tamén é pintora ao óleo, cando o tempo llo permite.
Entre os premios e recoñecementos que ten acadado, salienta o 2º premio Curuxa no XXIII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor” do Museo do Humor de Fene.
JAVIER JAREÑO LÓPEZ CUERVO
Debuxante murciano, natural da localidade de Yecla. Técnico Superior de Audiovisuais e Espectáculos e graduado en Comunicación Audiovisual. Javier defínese como amante do cine e do debuxo. No campo da séptima arte, dirixiu e guionizou algunha curtametraxe. Sobre a súa outra afición, asegura que debuxa dende sempre.
No ano 2019 resultou gañador do 1º premio Curuxa Nova no XXIII concurso de humor gráfico “Curuxa do humor”.