Ukestra do Medio protagoniza este venres a primeira sesión do ciclo Humor Peregrino

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

O son dos ukeleles chega este venres 2 de xullo ao Concello de Fene da man de Ukestra do Medio, grupo compostelán que realiza versións de clásicos do rock’n’roll, country, swing, pop e mesmo de músicas tradicionais galegas e portuguesas, tangos, bossanovas, cumbias ou boleros. A función comezará o venres ás 21 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre, de balde e aforo limitado (50 persoas), atendendo a normativa Covid actualmente en vigor. Con este espectáculo, comeza o ciclo “Humor peregrino” que se enmarca no proxecto Viñetas do Camiño (O Teu Xacobeo), impulsado polas concellerías de Cultura e Turismo de Fene.

Nada en Compostela no ano 2013, Ukestra do Medio comezou a súa andaina actuando en pequenos bares, salas, centros sociais e algún que outro festival. En 2017 colaborou co grupo Os Novos na gravación do seu single “Assalto Acústico” e a finais dese mesmo ano editou un CD de 4 temas titulado “em princípio…” co que iniciaba unha mini xira polo Reino Unido e, posteriormente, por festivais de Galicia e norte de Portugal.

No ano 2020 o grupo lanza “Outras Lérias”, un disco no que por primeira vez presenta músicas propias, todas elas cantadas en lingua galega e con influenzas que van desde o pop máis intimista ao surf, power-pop ou country, feito con ukuleles, baixo e caixón. Non por iso deixou de adaptar músicas dos seus artistas favoritos como The Housemartins, Suso Vaamonde, Roger Miller ou o Roberto Carlos dos anos ’60.

Ukestra do medio foi unha das bandas Finalistas do XII Certame Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais en 2020, organizado pola Deputación da Coruña.

Humor peregrino

O Camiño Inglés é patrimonio natural, arquitectónico pero tamén inmaterial. O ciclo Humor peregrino – incluído no proxecto Viñetas do Camiño- quere achegar ao público unha representación da narración oral e a música, “boas compañeiras para os peregrinos”.

O ciclo inclúe catro actuacións de narración oral e música, organizadas pola Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Trala primeira función, prevista para este venres coa Ukestra do Medio, nas vindeiras semanas tamén seran protagonistas de “Humor peregrino”: Paula Carballeira, con Historias de arrepío (9 de xullo, Casa da Cultura, 21.00 horas); Gala Martínez, con Son un monstro (16 de xullo, Casa da Cultura, 21.00 horas); The Teta´s Van (23 de xullo, Praza do Concello, 21.00 horas).

Máis información, na web do Concello de Fene www.fene.gal ou no Departamento de Cultura do Concello de Fene, tfno. 981 340 366.