Xuntanza do xurado do XXV Concurso de Humor Gráfico Curuxa do humor 2021

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Os debuxantes Calros Silvar, Xosé Tomás e Hugo Feal Permuy (gañador do primeiro premio Curuxa Nova 2020) forman parte do xurado dos Premios Curuxa 2021 que se reunirá o vindeiro luns, 12 de xullo, ás 12.00 horas no Museo do Humor de Fene. Tal e como se establece nas bases do certame, o xurado estará presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo e -xunto cos tres debuxantes convidados- formarán parte do mesmo o concelleiro de Cultura, Justo Martínez, e a responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos (que actuará como secretaria).

Carlos María Manuel Rodríguez Silvar, “Calros Silvar”

Ferrol, 1954. Licenciado en Belas Artes pola Universidade Autónoma de Madrid, comezou a súa traxectoria profesional como humorista gráfico, caricaturista, debuxante de banda deseñada e ilustrador. Tamén traballou durante máis dunha década como deseñador de produto en Cerámicas do Castro, do Grupo Sargadelos. Dende mediados dos anos 90, especializouse no debuxo da natureza, sendo considerado hoxendía coma un dos ilustradores naturalistas máis recoñecidos de Galicia. Neste campo ten ilustrado numerosas guías (de árbores, de aves, vertebrados, etc). Ademais, recibiu múltiples premios: 1º Premio Curuxa do Humor do Museo do Humor de Fene, 1988; Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado, 2007; e foi nomeado aos Premios Mestre Mateo ao Audiovisual de 2003, por Cecebre-Ecoxogo. Outra das súas facetas é como monitor de cursos de debuxo, montaxe audiovisual e ilustración da natureza para a A.C. Alexandre Bóveda da Coruña, a Federación de Agrupacións Culturais, C.G.A.C., S.G.H.N. e CEIDA.

José Tomás Díaz Teijo, “Xosé Tomás”

Betanzos, 1971. É un ilustrador, guionista, humorista gráfico e profesor galego. Estudou Filoloxía Inglesa na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a súa tese de doutoramento sobre o papel interventor do ilustrador nos álbums infantís ilustrados. Exerce como profesor de inglés de ensino secundario no CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal, do que tamén é director. A maioría da súa obra sitúase na ilustración infantil e xuvenil, onde traballou para editoriais como Xerais, Galaxia, Anaya, Edebé, Rodeira, Baía, Parramón, Embora, Bromera ou Planeta. Ten feito viñetas cómicas para La Voz de Galicia e humor gráfico en Diario de Pontevedra/El Progreso e nas revistas Tempos Novos, Revista Galega de Educación, Plis-Plas (Radio Galega). Traballou tamén o cartelismo didáctico con traballos para a Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña, deputacións, concellos e outras entidades. Participou nas dúas etapas de Golfiño, realizando pasatempos e as series Animalia e Luzbell. Conduciu diferentes obradoiros sobre BD e expuxo obra en mostras do Museo do Humor de Fene. En 2012 foi convidado por Gálix (subsección do IBBY) a impartir un relatorio no congreso de IBBY en Londres. En 2013 creou, xunto con Biblos Clube de Lectores, os obradoiros de ilustración e banda deseñada BIBLOS. En 2009 a Xunta de Galicia envíao á Feira del Libro de La Habana. En 2014 foi seleccionado pola Xunta de Galicia e a AGPI como ilustrador convidado á Feira do libro de Frankfurt. En 2009 participou con cómic no Proxecto Terra para o Colexio de Arquitectos de Galicia. Tamén colaborou nos múmeros da serie Preventigirl do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Hugo Feal Permuy – Gañador do 1º premio Curuxa Nova no XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”

Natural de Fene. Graduado en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Ten ademais formación en deseño e cómic, disciplina da que realizou un máster. Na actualidade cursa en Madrid un máster de "Concept art para películas e videoxogos". Ten realizado traballos de deseño para concellos e empresas, así como tatuaxes e ilustracións para particulares. No campo editorial, publicou "Intraterra" e "Verne Imaxinado", ámbolos dous editados pola Deputación de Pontevedra. Ademais tivo algunha incursion en fanzines americanos. En 2020 foi recoñecido co 1º Premio Curuxa Nova no certame convocado polo Museo do Humor. O xurado salientou da súa obra, “Respira”: “a calidade gráfica e o acabado do debuxo no que salienta especialmente un coidado traballo na composición e na narración da escea”. Tamén destacou a “capacidade de transmitir unha mensaxe crítica sobre a actualidade e a mensaxe que resulta impecable”.