Emoción, lembranzas e risos na entrega dos XII Premios Rosalía de Castro de Lingua da Deputacion da Coruña

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

A celebración da entrega dos Premios Rosalía de Castro 2021 a carón do Museo do Humor de Fene espertou nalgúns dos protagonistas do acto, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Fene, vellas e divertidas lembranzas que conduciron aos presentes a esa “patria da infancia” á que se refería primeiro o gañador do certame na categoría de “Persoas”, Xaquín Marín, e posteriormente o artista que engalanou a xornada: o compositor, músico e cantante Xabier Díaz. O acto desenvolveuse segundo o previsto e cun amplo respaldo da veciñanza de Fene e bisbarra, ao redor de 150 persoas que non quixeron perder a ocasión de arroupar na entrega dos premios a un dos seus veciños ilustres. Tamén recolleron senllos galardóns a vicepresidenta da Agrupación Astronómica Ío, Carmen Denébola Álvarez Seoane, en representación da “Entidade” recoñecida este ano, e Carlos García Vieito, promotor e xerente de Twitter en galego, o “Proxecto” premiado en 2021.

A deputada provincial de políticas de normalización lingüística, María Muíño Filgueira, foi a encargada de abrir o acto, facendo referencia á traxectoria e filosofía deste certame que pretende “recoñecer iniciativas, traballos recentes e traxectorias de persoas, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico”. Afondando nesta mesma cuestión, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, sinalaba, referíndose aos premiados deste ano, que “todos eles xeraron espazos para o galego, protagonizan proxectos en galego imprescindibles, e non falan só do galego, senón que falan de calquera tema na nosa lingua, converténdose en voceiros que coidan e fan difusión en galego e dan voz á xente de aquí”.

Co acto celebrado en Fene, a entrega dos Premios Rosalía de Castro descentralizouse, por primeira vez na súa historia, deixando de celebrarse en instalacións da Deputación Provincial para trasladarse a outros espazos. E o escollido foi un lugar ao que estivo vencellado especialmente un dos premiados. Porque foi a carón da pista municipal de Fonte do Campo onde se ergueu hai case 40 anos o Museo do Humor, centro singular e único que xorde a mediados dos anos 80 por iniciativa de Xaquín Marín e Siro López, artífices neses anos dun manifesto e dunha exposición en defensa do humor galego, que foron a semente da que agromou logo este proxecto tan importante para Concello de Fene e para Galicia.

O Museo do Humor de Fene forxouse, medrou e viviu os seus mellores anos, pola cantidade e calidade das iniciativas que se levaron adiante, con Xaquín Marín ao fronte durante máis de 20 anos. Pero esta faceta súa, como director dun museo singular, é so unha pequena parte dunha traxectoria profesional brillante e, sobre todo, comprometida coa terra, coa lingua e coa cultura galega. Expresábao con estas palabras o alcalde de Fene, Juventino Trigo: “Debémosche que Fene conte co único Museo do Humor de Galicia, que dirixiches durante tantos anos. Debémosche, eses centos de carteis e viñetas que fixeron de ti, como dicía Alfonso Tellado no seu fermoso artigo “Xaquín Marín: de Astano para o mundo”, “o artista máis «pirateado» copiado e difundida a súa obra sen o seu consentimento, con aquilo que «seguro que dirá que si….»”. E debémosche tamén, o teu traballo a prol da nosa cultura”.

Pero na tarde de onte tamén se recoñeceu o labor da Agrupación Astronómica Ío, entidade coruñesa que nace en 2002, froito das inquedanzas dun grupo de afeizoados/as á astronomía que nun momento dado decidiron xuntarse para gozar e contaxiar a outras persoas a súa paixón polas noites estreladas e pola ciencia da astronomía. Co valor engadido de facelo en galego, argallando na nosa lingua fermosas iniciativas como a promoción dunha campaña para asignar o nome de Rosalía de Castro a unha estrela.

E o terceiro piar da tarde, que correspondeu á categoría de Proxectos, foi Twitter en Galego, proxecto ideado por Carlos García Vieito co que se promoveu a tradución desta coñecida rede social á nosa lingua. Iniciativa que goza do respaldo na actualidade de milleiros de persoas que xa son usuarias da conta de twitter configurada en galego. Para o alcalde de Fene,  “as xentes que conforman Twitter en galego fixeron do `chío´ e de `chiar en galego´ o xeito de introducir a nosa lingua, como ferramenta común, nas redes sociais”.

Como colofón da entrega dos Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña, subiu ao escenario de Fonte do Campo o compositor, músico e cantante Xabier Díaz, artista tamén vencellado a Fene que goza de grande recoñecemento polo seu traballo a prol da lingua e da cultura galega a través da música. Acompañado polos músicos Roberto Grandal, ao acordeón, e Iván Costa, na zanfona, interpretou o Alalá de Muxía (ou Canto dos mariñeiros de Muxía), Carballesas do Caurel, unha xota, a Muiñeira de Limiñoa e a Cantiga da Montaña, un pequeno pero representativo repertorio que dá mostra da variedade e riqueza do patrimonio musical galego.