O alcalde de Fene, Juventino Trigo, inaugurará unha mostra ao aire libre que se repartirá polos seis municipios do Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra

As obras realizadas co gallo da andaina debuxada poderán visitarse dende mañá venres

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

O froito creativo de “Viñetas do Camiño” materializarase na xornada de mañá venres nunha exposición ao aire libre que recollerá os vinte e catro debuxos realizados pola ducia de artistas que participaron na “Andaina Debuxada” dos días 12 e 13 de xuño, no marco do proxecto promovido polo Concello de Fene no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

O alcalde da localidade, Juventino Trigo, acompañado pola responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos, e os concelleiros de Cultura, Justo Martínez, e Turismo, Ana Basoa, inaugurará a mostra mañá, ás 21.00 horas. A cerimonia terá lugar nas inmediacións do Concello fenés, preto do estanque do río Cádavo.

Neste emprazamento, precisamente, quedará situado un dos seis cubos que compoñen a exposición. As outras estruturas repartiranse polo resto de municipios polos que transita o Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra e cada unha delas albergará debuxos dos dous artistas que durante a Andaina Debuxada desenvolveron o seu traballo nesas localidades.

Así, en Ferrol, disporase no paseo de Caranza un cubo coas obras de Elga Fernández Lamas e Blanca Escrigas; en Narón amosarase no paseo marítimo de Xubia as ilustracións de Carme Martín e Leandro Lamas; en Neda a estrutura acomodarase en Xubia, na zona do albergue de peregrinos, e nela veranse os traballos de Calros Silvar e Cristian F. Caruncho; mentres que en Cabanas o fará no parque Arenal, nun espazo reservado para Beatriz Seijo e Dulce Anca; e en Pontedeume na Praza de España, con láminas de Juanma Rubio e Hugo Feal. Xaquín Marín e Laura Bouza serán os protagonistas do cubo de Fene.

En cada emprazamento, os peregrinos e visitantes, disporán de información referente aos ilustradores e as súas obras, invitándoos a rememorar ese percorrido artístico realizado na Andaina Debuxada.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e os concelleiros de Turismo e Cultura, Ana Basoa e Justo Martínez, respectivamente, visitarán o luns 26 o resto de emprazamentos da exposición, comezando polo de Ferrol, ás 09.45 horas.

De forma paralela, ábrese outra mostra, neste caso virtual, na que os internautas poderán gozar tanto das vinte e catro obras dos ilustradores, coma dos debuxos que durante a marcha dos días 12 e 13 de xuño fixeron os camiñantes. Neste espazo, ao que se poden achegar na dirección www.viñetasdocamiño.com, tamén aparecerán os traballos realizados polos alumnos de varios centros educativos de Fene nos obradoiros escolares desenvolvidos nos últimos meses así mesmo dentro do proxecto” Viñetas do Camiño”.

Humor Peregrino

Cando remate a cerimonia de inauguración, o grupo The Tetas’ Van votará o peche ao ciclo “Humor Peregrino”, vencellado tamén ao proxecto “Viñetas do Camiño”, cun concerto que se celebrará na praza do alcalde Ramón Souto González, nas inmediacións do Concello. A entrada será de balde, pero limitada so a un aforo de 200 localidades.

O sexteto de Ourense defínese coma unha banda ሺmaioritariamenteሻ de mulleres que coas súas versións en galego de clásicos do rock e do pop e as súas letras propias pretende visibilizar o papel da muller no contexto musical, ademáis de reivindicar o uso da nosa lingua.

Tras a súa actuación, a velada concluirá preto das once da noite cun espectáculo pirotécnico.