O debuxante Xaquín Marín "Volta á Orixe" cunha exposición antolóxica no Museo do Humor
Museo do Humor Dixomedíxomes19-04-2022
A figura de Xaquín Marín, fundador do Museo do Humor de Fene, vai ser neste 2022 un dos eixos vertebradores da programación cultural do Concello de Fene. O vindeiro 6 de maio inaugurarase no Museo do Humor a exposición retrospectiva “Volta á orixe”, un percorrido pola traxectoria artística do pintor, ilustrador e humorista gráfico fenés. Pero ademais, ao redor da mostra haberá distintas actividades coas que se pretende, en palabras do alcalde de Fene, Juventino Trigo, “amosarlle a Xaquín o noso agradecemento e situar novamente a súa figura no lugar que lle corresponde, entre os mellores creadores do noso país”. O primeiro rexedor fenés, o comisario da mostra e fillo do artista, Alexandre Marín, o concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá, e a responsable do Museo, Almudena Marcos, foron os encargados de presentar este mediodía en rolda de prensa a exposición e a programación cultural paralela que se desenvolverá entre os meses de maio e xuño.
“Marín naceu en Ferrol no 43 pero con tan só dous meses de vida trasladouse xunto coa familia á casa onde estaba o colexio vello, no sitio exacto onde hoxe se levanta a Casa da Cultura de Fene, que tamén é sede do Museo de Humor”. Dende entón, explicou Alexandre Marín, a traxectoria vital e profesional de Xaquín Marín orbita arredor da Fonte do Campo. Daí o título e o emprazamento da exposición que se poderá visitar no Museo do Humor do 6 de maio ao 27 de xuño, cunha extensión, adicada en exclusiva ao personaxe de Isolino, no paseo de San Valentín
Tal e como explicou o comisario da exposición, a mostra “resume case 60 anos dunha traxectoria ampla e fecunda en diferentes facetas creativas e profesionais, tan ampla e tan fecunda que sintetizala é misión imposible, pero non por falta de espazo, senón por exceso de obra”. De todos os xeitos, engadiu Alexandre Marín, “se unha exposición antolóxica de meu pai ten un valor engadido ou un significado especial nalgún sitio é traendo esas obras de volta á orixe”.
Aínda que a exposición retrospectiva é o elemento central sobre o que xira este ambicioso proxecto, entre os meses de maio e xuño organizaranse en Fene unha serie de actividades paralelas como conferencias, obradoiros, visitas guiadas presenciais e virtuais, etc. E abordarase neses dous meses a limpeza e restauración do mural de Xaquín Marín da Avenida das Pías.
CICLO DE ACTIVIDADES “VOLTA Á ORIXE"
O programa, do que deu conta o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, botará a andar o venres 6 de maio, ás 12.30 horas, no IES de Fene, cun acto de recoñecemento que a comunidade escolar do instituto brindará a Xaquín Marín, poñendo o seu nome ao salón de actos do centro. No decurso do acto, Marín descubrirá unha placa deseñada polo escultor Francisco Pérez Porto. Ademais inaugurarase un mural elaborado polo alumnado do IES e haberá un encontro co artista, conducido pola xornalista e presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz. Por motivos de aforo, non será un acto aberto ao público en xeral. Limitarase ao persoal, alumnado e Anpa do centro, aínda que tamén asistirá unha representación da Corporación Municipal de Fene.
O mesmo venres 6 de maio, ás 8 do serán, inaugurarase a exposición no Museo do Humor aínda que, previamente, ás 6 da tarde, realizarase unha visita co artista á mostra que se instalará no Paseo de San Valentín con reproducións de viñetas de Isolino. Ámbolos dous actos serán de asistencia libre.
A partir do luns 8 de maio comezarán as visitas guiadas á exposición. Aqueles centros educativos, entidades ou grupos que queiran solicitar unha visita guiada, deberán enviar un correo a museodohumor@fenecidadan.net.
O programa de actividades complementarias á exposición “Volta á orixe” incluirá tamén dous encontros co artista.O primeiro terá lugar no Museo do Humor o xoves 12 de maio, ás 7.30 do serán, e consistirá nunha entrevista que o estudoso e experto na obra de Marín, Félix Caballero, realizará ao debuxante fenés. O segundo encontro desenvolverase coincidindo co peche da exposición, o luns 27 de xuño, e será tamén no Museo ás 7.30 do serán. Neste caso conversarán con Xaquín Marín o pintor e escritor Antón Patiño e o deseñador e ilustrador Pepe Barro. O acto estará conducido pola presentadora e actriz Neves Rodríguez. Námbolos dous casos, a entrada será libre até completar o aforo.
Tamén dentro de programa de actividades ao redor da exposición “Volta á orixe”, no Museo do Humor, o Dia dos Museos festexarase este ano co lanzamento de dúas visitas virtuais. A primeira (ao propio centro) presentarase o 18 de maio, e a segunda (á exposición de Xaquín Marín) publicarase o 27 de xuño para inmortalizar a mostra que se clausura ese día. Ademais, o programa completarase con dous obradoiros artísticos abertos á veciñanza. O primeiro desenvolverase en San Valentín, o venres 20 de maio, nunha zona próxima á exposición dos cubos de Isolino, e consistirá nun taller de debuxo urbano que impartirán mestres da escola O Garaxe Hermético. Este obradoiro forma parte dunha campaña de concienciación que promove a práctica do debuxo namentres se coida o medio ambiente. Trátase dunha actividade organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais de Fene.
Ao día seguinte, o sábado 21, desenvolverase no museo un novo obradoiro, “Parafraseando a Xaquín coa porexgrafía”, dirixido pola artista Laura Bouza, do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity de Fene. Consistirá na elaboración, por parte dos participantes, dun boceto que, logo de ser transferido a un disco de poliestileno e traballado para crear distintos planos e profundidade de campo, permitirá facer reproduccións sobre papel. Sobre as datas e procedemento de inscrición para os obradoiros, informarase detalladamente en próximas datas.
Por último, o Concello de Fene promoverá a recuperación do mural das Pías, pintado orixinalmente pola Asociación de Amigos do Museo do Humor no ano 1996, a partir dun deseño de Xaquín Marín. Da restauración ocuparase a entidade social Aspaneps (que xa confirmou algunha colaboración para desenvolver o traballo, como a do pintor Leandro Lamas). As labores de repintado do mural “Todos metidos nun bote” desenvolveranse entre os meses de maio e xuño, e concluirán (coincidindo co peche da exposición) cunha visita ao mural na mañá do luns 27 de xuño.